XOSÉ ESTÉVEZ, HISTORIADOR

“Manuel María é o grande persoeiro da nación galega na segunda metade do XX”

Xosé Estévez (Quiroga, 1943), profesor de Historia da Universidade de Deusto e colaborador de Sermos, está en Galiza para ofrecer un par de relatorios sobre a relación do poeta chairego e o val de Quiroga, lugar ao que se sentía moi unido. Ademais aproveitamos para preguntarlle polas relacións entre o País Vasco e Galiza, sobre o que ten publicado moitos libros e promovido outras tantas actividades de irmanamento entre ambos os dous pobos. 
 

Xosé_Estevez
photo_camera Xosé Estévez [Fonte: Wikipedia]

- Hoxe ofrece unha conferencia en Quiroga sobre Manuel María, a quen considera como “un dos tres grandes da nación galega”, xunto con Castelao e Rosalía.
- Para min si, desde logo. Considero que na segunda metade do século XIX foi Rosalía de Castro, na primeira do XX Castelao, e na segunda metade do século XX, Manuel María.

- É unha afirmación...
- …un pouco contundente, si, pero é unha afirmación persoal. Outros dirán outra cousa, pero Manuel María foi un home polifacético, erudito, dunha sabiduría extraordinaria, que tiña un coñecemento inmenso da literatura e da cultura galega, e tamén española, portuguesa e mesmo da francesa. E tiña unha capacidade oratoria fenomenal, unha voz moi atraínte e, sobre todo, era unha excelentísima persoa, que é o máis importante. 

- Vostede foi amigo del desde o ano 65, non?
- Si, aproximadamente, coñecino no Seminario de Lugo daquela e fixémonos amigos a partir do ano 67. Teño 60 libros dedicados por el. O último dedicoumo un mes antes de morrer. 

- Nos relatorios fala sobre a relación de Manuel María co val de Quiroga. Tan importante foi?
- É moi importante porque Manuel María tiña un sentimento telúrico de arraigo coa terra. Era un home profundamente enraizado no país e, dentro do país, había unha serie de bisbarras que para el tiñan unha significación especial. A primeira, está claro, é a Terra Chá, Outeiro de Rei, o seu pobo natal, e dentro de Galiza tiña outras zonas polas que sentía unha querencia especial, como a zona do Carballiño, o Ribeiro e a bisbarra de Quiroga, de onde proviña a súa avoa materna. Ao vivir en Monforte desprazábase continuamente a Quiroga para facer artigos e poemas sobre este val, sobre que publicou máis de 30 textos tanto n'A Nosa Terra coma no Correo Gallego. El ía ao restaurante chamado Remansiño a comer troita e caza, que lle gustaba moito, e fixo amizade con moita xente de alí, e escribiu sobre moitos lugares e personaxes de alí. 

Salvador Espriu e Gabriel Aresti axudáronlle a pagar unha multa a Manuel María por dar unha conferencia en Madrid con Voces Ceibes

- Tamén foi multado en Quiroga con 300.000 pesetas por participar nunha manifestación en contra dunha planta de celulosas. 
- Si, o que pasa é que fixeron un recurso e persoeiros destacados de aquí testificaron a favor del e logo coa amnistía do 77 xa se condonaron os delictos e non a pagou. Pero si pagou unha anterior por unha conferencia que deu en Madrid, na facultade de Económicas, con Voces Ceibes. Foi de 75.000 pesetas no ano 69, que daquela era moito. Algúns axudamos a pagar esa multa, e lembro que estando con el chegoulle un sobre con diñeiro de Salvador Espriu con 1.000 pesetas, e outro de Gabriel Aresti. 

- Estivo moitas veces en Euskadi e tratou con Aresti e Mikel Laboa, entre outras moitas persoas da cultura vasca. 
- El estivo no País Vasco en 17 ocasións, moitas delas na miña casa. Con Aresti xa tiña relación epistolar desde o ano 69, e coñecéronse persoalmente no ano 72. E tamén con Mikel Laboa, que estivo na súa casa en Monforte, tamén cun director de teatro vasco, ou co etnógrafo Juan Garmendia, ou co poeta Joxean Artze. Tamén tiña moi boa relación con Francis Jammes, un poeta naturalista francés que vivía en Iparralde, que influiu moito nalgúns poemas de Manuel María.

- Vostede publicou varias obras para dar a coñecer Galiza en Euskadi e viceversa, supoño que buscando un maior entendemento entre os dous países. 
- A miña teima sempre foi mostrar a relación de irmanamento e a solidariedade entre os dous pobos. Por casualidade, o tema da miña tese de doutoramento, que era o Galeusca, deumo a coñecer un frade capuchino que estivo exiliado en Bos Aires e que coñecera a Castelao. Logo empecei a profundizar no tema e atopei moitos convenios e tratados entre vascos, galegos e cataláns, que databan xa do ano 1923, e que se renovaron nos anos 1933, 40, no 45 no exilio, en París no 70. E esa foi sempre a miña teima desde que empecei a investigar desde os anos 74-75. 

- Nos últimos anos houbo un enfriamento nesas relacións políticas.
- Si, o último contacto importante foi no 2005 co Galeuscat, pero a partir de aí houbo un enfriamento, e hoxe o único que hai son contactos entre algúns partidos políticos de cara ás eleccións europeas. Bildu ten unha especie de pacto co BNG nestes comicios, e logo hai contacto entre Bildu e as CUP, pero sen que se volvese ao verdadeiro Galeusca, que eran pactos entre todas as forzas nacionalistas destas nacións para procurar chegar a unha reestruturación do Estado español cara a unha confederación de nacións ibéricas, libres, voluntariamente pactadas, que incluíse mesmo a Portugal. Ese é o auténtico Galeusca que se perdeu. O que hai agora son pactos entre forzas políticas entre dúas ou tres nacións, pero non entre todas. 

- Como cre que se ve a situación galega agora mesmo en Euskadi?
- Agora mesmo Euskadi está nun intre de impasse. Hai dúas forzas políticas nacionalistas que até o de agora tiñan a hexemonía dentro do espectro político, pero segundo as últimas enquisas está subindo moi forte e mesmo de forma inexplicable para moitos Podemos, ocupando o segundo lugar, que ocupaba Bildu, que descende bastante. 

Véxolle un porvir moi mouro a Galiza

- Como se ve Galiza en Euskadi?
- Sempre foi a irmán máis pobre do Galeusca, evidentemente. Pero as relacións entre vascos e galegos son moi fluídas. Nun primeiro intre, coa primeira emigración nos anos 20, foron un pouco estridentes, pero desde a Guerra Civil esa relación mellorou moito, porque os galegos que vivían alí loitaron na Guerra en contra do alzamento, e mesmo tiveron varios batallóns no exército vasco, integrados fundamentalmente na CNT. Chegou a haber un batallón, chamado Batallón Celta Milicias Antifascistas Galegas, que loitou na fronte de Biscaia, contra os sublevados dirixidos polo xeneral Mola. A partir de aí fóronse fraguando unhas relacións máis fluídas, onde tamén influiron os matrimonios mixtos, e vían aos galegos como unha especie de aliados, de tal maneira que hoxe  practicamente a emigración galega está diluída na sociedade vasca. Na segunda xeración a emigración galega integrouse perfectamente na sociedade vasca, e por tanto, os galegos estamos relativamente moi ben vistos no País Vasco, celebramos moitos actos conxuntos, como no mes de febreiro, en Oiartzun celebramos a homenaxe a Concha Murguía, a nai de Manuel M. Murguía, que naceu alí, que levamos facendo desde o ano 2000. Houbo un recital conxunto en galego e euskara, conferencias, etc. En setembro imos celebrar en Biscaia unha xornada vasco-galego. 

- E como se ve a situación da Galiza de hoxe desde o punto de vista dun historiador coma vostede que vive fóra?
- Eu cada vez que veño aquí, ao val de Quiroga, vexo unha sociedade moi avellentada, a maior parte da xente nova está na emigración, agora é xente que ten un alto nivel de estudos, o que supón unha descapitalización humana. Véxolle un porvir moi mouro. O ano pasado estiven 15 días e morreron no val de Quiroga 20 persoas. E a maior parte da xente que ves pola rúa son xubilados. Entón, un país cunha demografía tan avellentada, dá unha impresión realmente moi degradante do que pode ser o porvir do país. Agora eu confío en que a xente recapacite, reflexione, e que os partidos políticos se poñan as pilas e ergan Galiza ao nivel que debe estar. 

- Como ves o estudo da historia en Galiza? Cres que hai algunha época que non está suficientemente estudada?
- Hai unha xeración de novos historiadores moi interesantes que está a traballar moi ben na historia de Galiza. E neste eido hai algunhas etapas que hai que profundizar nelas. Por exemplo, estamos vivindo o centenario das Irmandades, e é a hora de profundizar nesta época, e que puido ser unha lumieira para o futuro de Galiza e que quedou no camiño. Outra é a II República, unha época dun grande espertar, que o alzamento cortou, pero estaba agromando unha Galiza nova e cun rexurdimento total e con moita esperanza, tendo o Partido Galeguista con 4 deputados, que chegou a xestionar un Estatuto. Outra é a época do final do franquismo e comezo da Transición, que foi unha terceira oportunidade e que non se sabe por que... ben, sábese porque algunhas forzas optaron por favorecer forzas políticas alleas a Galiza, que coutaron un devir autónomo de Galiza. Perdéronse tres oportunidades históricas. E como di o refrán árabe, o sol hai que aproveitalo cando pasa pola porta, porque se cadra non volve pasar. 

- E cales son os seus próximos proxectos?
- Á miña idade xa hai que ir de ano en ano. Este ano estou dando moitas conferencias sobre Manuel María, oito ou nove delas en Euskadi. Tamén estou preparando algo moi interesante sobre Xosé Velo Mosquera, que morreu en 1976 -cúmprense 50 aniversario do seu pasamento-, que interviu nun Galeusca moi interesante en Caracas en 1959. E despois estou traballando no Congreso das Irmandades que se vai celebrar en novembro no Museo do Pobo, onde participarei cun relatorio sobre o primeiro acordo do Galeuscat en 1923 asinado por vascos, galegos e cataláns o 11 de setembro dese ano. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios