sábado 06/03/21
LOIS DIéGUEZ

"Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta"

Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María é o titulo do libro-DVD que acompaña o número 197 de Sermos Galiza e que pode adquirirse dende hoxe nos puntos de venda de Sermos e tamén na tenda de Sermos. Falamos con Lois Diéguez, autor do libro e guionista do DVD, e con Xoán Carlos Garrido, realizador do vídeo. Á venda na nosa loxa. 

048. ANOS 80. ROMA 1984. 0010
Manuel María na Piazza di Campidoglio no ano 1984. Foto: Lois Diéguez

"Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta". Lois Diéguez cóntanos no libro-DVD, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, a vida do poeta nestas tres facetas á que se lle suma a de viaxeiro. Aproveitando que neste 2016 se lle adicaron as nosas Letras Galegas ao poeta de Outeiro de Rei, fíxose unha escolma de imaxes que ilustran a figura de Manuel María dende unha perspectiva moi concreta, incidindo nos seus roteiros polo mundo. A obra vai ser presentada esta sexta feira na Estrada, na sala de exposicións de Abanca, a partir das 21:00 horas.

Diéguez explicou que a orixe deste documental parte dunha peza audiovisual que se lle adicou un ano despois da súa morte: "Considerabamos que podiamos melloralo, entón fixemos unha versión máis corta. Esta de 25 minutos, o anterior de era de 45. E nestes 25 fixemos un estudo das imaxes máis racionalizado, máis no seu contexto e seguindo a cronoloxía da súa vida. Inicio, desenvolvemento e morte."

"Manuel María era un gran coñecedor da cultura clásica"

A cinta discurre partindo dende a súa casa natal en Outeiro, pasando pola súa estadía en Lugo, Monforte e A Coruña, onde acaba, despois de pasar por todo o mundo. Lois Diéguez aludiu ao valor sentimental das fotografías "Hai imaxes moi interesantes recollidas de viaxeiros que foron, e fomos, con Manuel María por Exipto, Israel, Palestina, tamén Grecia e Italia que eran o centro da cultura clásica que el coñecía tanto e despois regresamos a casa, a Outeiro que é onde morre."Portada_libro_DVD_Peregrinaxes

Xoan Carlos Garrido, realizador do documental, incidiu en que "O concepto do DVD era ilustrar con imaxes a poesía de Manuel María, o seu xeito de pensar e de vivir", ademais quixo destacar a perspectiva viaxeira desta peza: "Etendendo a vida como unha viaxe, dende as súas casas, até os lugares que visitou e dos que se interesou e rematando na súa tumba. Xa que en moitas persoas Manuel María segue vivo e é alí onde o visitan."

"A poesía de Manuel María era nostálxica e, moitas veces, triste"

O vídeo remata, precisamente, ofrecendo unha rosa en Outeiro: "Un acto que fixemos daquela en 2005 e eran miles de persoas depositando a rosa na sepultura, entón é un recordo histórico da xente que pasaba por alí", segundo Diéguez, quen identificou o vídeo como unha peza moi nostálxica "tal como era a súa poesía: Moitas veces triste e, nos primeiros tempos, máis alegre."

No libro explícase todo isto dun xeito máis xenérico: Introduce, primeiro, a figura de Manuel María. O que representou na nosa cultura e na nosa política, como nacionalista e como poeta. Logo hai unha parte de estudo de Manuel María como viaxeiro, dos libros que adica a elas e, finalmente, explica as características do DVD.

comentarios