Manuel López Rodríguez gaña o II Premio de Poesía Eduardo Pondal

O xurado do certame, convocado pola Editorial Medulia, destacou a “gran calidade” dos libros presentados nesta edición.

Gañador-premio-Poesía
photo_camera O gañador do certame, Manuel López Rodríguez (Foto: Nós Diario).

O escritor Manuel López Rodríguez –autor de obras como Antítese nativa ou Desde onde non nace, aínda no prelo- é o gañador da segunda edición do Premio de Poesía Eduardo Pondal, convocado pola Editorial Medulia, polo libro Vangarda ule.

Cofundador do Colectivo Literario Sacou, do Grupo Literario Avilés e da Tertulia Literaria Adamajuana, no seu currículo destacan outras distincións como o López Ardeiro de Poesía ou o Premio de Poesía Suso Vaamonde.

Conformado por Teresa Seara Domónguez (doutora en Filoloxía galego-portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía); Montserrat Yoldi Sanmartín (profesora de Lingua e Literatura Galega e poeta); Luciano Rodríguez Gómez (licenciado en Filoloxía Románica, profesor e crítico literario especializado en poesía); Miguel Mato Fondo (profesor de Lingua e Literatura Galega e poeta); e Xulio López Valcárcel (director de Medulia Editorial e poeta), o xurado destacou a “gran calidade” dos libros presentados “malia as difíciles circunstacias”.

Os membros do xurado escolleron a obra de López Rodríguez por ser “a máis equilibrada e potente” de entre todas as participantes. “Trátase dun libro que sobresae pola vontade anovadora no discurso e pola súa capacidade para lograr un discurso coherente sen renunciar á dualidade de amorrabia e vida-arte, dando como resultado un libro de poemas que se converte en literatura dentro da literatura”, conclúen.

Comentarios