'Aí vén o maio!'

Manuel Ferreiro: “A grande liña poética é a patriótica, pois é a idea fundamental que moveu a creación pondaliana e a que organiza todo o libro”

Manuel Ferreiro é profesor na UDC desde onde desenvolveu importantes estudos de gramática histórica, lexicoloxía e crítica textual.  É o autor do novo fascículo da colección Aí vén o maio! que está a publicar Nós Diario. Falamos con el sobre Pondal e Queixumes dos pinos.

manuel ferreiro

Neste traballo vostede salienta a grande influencia que Rosalía tivo na incorporación de Pondal á escrita en galego, especialmente a partir de 1863. Tamén sinala que, posibelmente, foi a morte de Rosalía en 1885 a que nos deu un Pondal monolingüe. Pode precisar un pouco máis esa relación e esa influencia?

Pondal tiña unha profunda amizade con Murguía e con Rosalía, que ultrapasaba a relación literaria que os unía. A análise da produción pondaliana mostra como a partir de 1863 (ano de publicación de Cantares Gallegos) Pondal, que dera a coñecer A campana d’Anllóns xa en 1858, acelerou a publicación de poemas en galego. E a partir da morte de Rosalía (1885) nunca máis volveu a utilizar o español na súa creación literaria. As datas, pois, non poden ser casuais.

"Pondal compón unha obra complexa, en que a natureza é moito máis do que ornamento". Que quer dicer con isto?

A natureza non é tanto un obxecto de canto poético como a realidade física e obxectiva da nación, que fala a través dela. É significativo que no texto do Himno, os pinos, respondendo á interrogación inicial (Que din os rumorosos...?), son os que pronuncian o discurso redentor da patria. En Queixumes vemos a terra, as gandras e a costa, as rochas e os monumentos megalíticos, os bosques e os ventos... como os elementos obxectivos e identificadores, telúricos e imprescindíbeis, da patria, onde a “raza escura, galaica”, que vivía nunha servidume oprobiosa, aínda non atendía aos cantos do bardo que clama pola redención da nazón de Breogán.

Cais son as liñas poéticas dominantes en Queixumes dos pinos?

Sen dúbida, a grande liña poética é a patriótica (política), pois é a idea fundamental que moveu a creación pondaliana e a que organiza todo o libro. Esta liña ten dúas faces fundamentais, os poemas inscritos no celtismo e os de inspiración helénica. Os primeiros mostran a Galiza do pasado, os celtas/galegos en loita cos romanos/casteláns en defensa da patria. Os segundos achegan o ideal da loita e da épica no combate. Ora ben, podemos ver tamén outras liñas en Queixumes, como un grupo de poemas autobiográficos (onde se esvaen os límites entre Eduardo Pondal, persoa real e o profeta-bardo do pobo galego), igual que achamos composicións en torno á natureza ou, evidentemente, un grupo de poemas por volta do tema amoroso.

É un lugar común atribuír a Pondal unha visión negativa da muller, falando mesmo da presenza dun autobiografismo misóxino nalgúns dos seus poemas. Considera vostede fundadas estas valoracións, ou, en todo o caso, suficientes para descualificar toda a obra pondaliana?

Sei que isto é unha cuestión complexa, mais tamén sei que algúns poemas foron malinterpretados e magnificados por algunhas voces críticas. Non podo entender que Pondal sexa xulgado, de xeito anacrónico, por unha obra que mostra, é certo, algúns textos en que se percibe un ton misóxino e/ou sexista; mais isto está presente en toda a literatura (tradicional, masculina, patriarcal) do seu tempo, e aínda de períodos posteriores. Eses poucos poemas non deixan de reflectir unha punxente realidade da época ou, mesmo, son emitidos por voces alleas ao poeta, lonxe de calquera autobiografismo. E, desde logo, contrastan vivamente con outros moitos poemas con figuras femininas presentadas positivamente (en especial as fadas e as guerreiras celtas).

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios