Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez, premios Xerais, Jules Verne e Merlín

A illa de San Simón (Redondela) foi o escenario que máis un ano acolleu a cerimonia de entrega dos premios Xerais de Novela, o Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Merlín de Literatura Infantil, que este ano recaeron, respectivamente, en Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez.

_DSC2001
photo_camera David Pérez, Iria Misa e Manuel Esteban

Na tarde deste sábado déronse a coñecer o XXXIII Premio Xerais de Novela, o VIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXI Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado cada un deles con 10.000 euros. De entre os 89 orixinais presentados nas tres categorías, as obras de Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez resultaron as premiadas.

Así, Manuel Esteban (Vigo, 1971) alzouse co Premio Xerais de Novela con A ira dos mansos. Este médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor de FP, escribiu unha novela negra cun enfoque social que representa unha viaxe de superación de moitos prexuízos. A novela, que transcorre en Vigo, "consegue derrubar as barreiras emocionais do personaxe principal, o inspector Carlos Manso", sinalou o xurado, formado por Mercedes Corbillón, Concha Martínez Mayo, Marta Gómez González, Irene Penas Murias, Almudena López Rodríguez e Fran Alonso.

A ira dos mansos “está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo”. “É unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto”, engadiu.

Premio Jules Verne

Iria Misa (Gondomar, 1983) obtivo o VIII Premio Jules Verne coa obra Xa non estou aquí, unha novela na que Ángela, a protagonista, unha alumna de 1º de Bacharelato, comparte coas lectoras e lectores os seus desacougos, os seus ideais e as súas ilusións. “Fainos tamén testemuñas da fría despedida que lles dirixe aos seus familiares, que a buscan con desesperación”, explicou o xurado, composto por María Navarro, David González Domínguez, Xosé Manuel Fernández Rodríguez, Natalia Fernández Lorenzo, Anxo Iglesias Núñez e Xosé Manuel Moo Pedrosa.

As drogas, o pracer polo pracer, o amor e a familia forman parte da trama desta novela que se estrutura en dous tipos de narradores que se alternan por capítulos. “A narración comeza o día en que Ánxela desaparece e irá pouco a pouco confluíndo no tempo co relato máis demorado da protagonista da novela”, engadiu o xurado sobre a obra desta profesora de ensino secundario.

Premio Merlín

O xurado da XXXI edición do Premio Merlín, e formado por Noelia Candal Suárez, Marcos Viso, Amparo Ramilo Costas, Marta Neira Rodríguez, Mónica Fernández López e Helena Pérez Fernández, escolleu gañadora a obra Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias (Ames, 1962). O escritor, guionista e profesor de lingua e literatura ten obras publicadas, algunhas delas recoñecidas co premio Antón Avilés de Taramancos ou co premio Manuel Murguía de narracións breves. Tamén é responsábel da canle de vídeo SonCine, traballo de innovación educativa polo que foi premiado pola Consellaría de Educación e pola ASPG.

Ambientada no rural do s. XX, Todo o tempo do mundo é “unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia, tal é o caso da voz do avó Valente, un ancián pouco común cuxo nome anticipa o seu carácter”, expuxo o xurado. “É en definitiva, unha lectura das que, seguindo a C.S Lewis, valería a pena ler aos dez e aos cincuenta anos”, salientou.

Ledicia Costas: “Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario”

A cerimonia consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, á que asistiron arredor de 300 persoas. A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, actuou como mantedora literaria co seu discurso, “Todas as constelacións do mundo”.

Ledicia Costas: "Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante"

Ledicia Costas dedicou a súa intervención á “Xeración Lamote” por “abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa”. Subliñou que “er escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán”.

Dixo sentirse orgullosa da “entrega á lingua galega que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario”.

Reivindicou o papel das mulleres na literatura galega e finalizou cunha cita expresa ao seu compromiso: “Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante”.

Tamén interveu no acto Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, quen salientou que Xerais, após 37 anos de historia, superou este ano 2016 os catro mil títulos publicados en lingua galega nun catálogo de mil trescentos autores e autoras e os once millóns de exemplares vendidos. Cualificou de “éxito colectivo” estas cifras. Fechou a cerimonia, na que a música correu a cargo de Lidia Botana, o presidente de Xerais, Manuel Bragado.

Comentarios