martes 20/10/20
PENSAR A GALIZA POS-COVID

Manuel Bragado: "Galiza non necesita 'complementar' as políticas do Estado, senón participar na definición doutro modelo de Estado"

Manuel Bragado é escritor e pedagogo e foi a cabeza visíbel de Edicións Xerais de Galicia durante case dúas décadas de activismo cultural. A súa mirada reflexiva sempre é quen de resumir e ponderar axeitadamente as cuestións que máis preocupan á sociedade e, desde o seu blog 'Brétemas', comparte as súas opinións e pensamentos. Mantivemos unha conversa con el sobre distintos aspectos da pandemia sobre os que reflexionou nos seus escritos e que poden axudar a comprender o presente e a mellorar o futuro.
Manuel Bragado
Manuel Bragado, escritor, pedagogo e editor.

Que leccións podemos sacar desta pandemia? Cales foron os principais fallos sistémicos na Galiza que o virus destapou?

Quizais por unha cuestión xeracional a min gustaríame identificar o futuro cun proceso de cambio político. Creo que o que fallou na Galiza foi a falta dunha visión en chave galega, con perspectiva de desenvolvemento do autogoberno. Unha das chaves para entender o que está a pasar agora na Galiza é precisamente a falta desa visión e iso escenificouno moi ben o presidente Feixoo cando na reunión dos presidentes autonómicos con Sánchez sobre o destino dos fondos Covid pedía que non se obrigase a empregar eses cartos en servizos públicos como a educación ou a asistencia social e, pouco despois, criticaba a ausencia dun protocolo para todo o Estado que puidese ser complementado pola Xunta. Galiza non necesita complementar as políticas do estado, o que precisa, en todo caso, é participar na definición dun modelo de estado que posúa un carácter diferente ao que ten actualmente. Creo que se nota na propia consideración que en Madrid teñen do propio Feixoo, onde é visto con moita simpatía porque é un mestre en apoiar e completar as políticas definidas desde alí, mais non nas políticas máis complexas, que son as de grandes deseños e as de grandes acordos. Eu creo que aquí faltou un acordo de país para enfrontar as consecuencias da pandemia e iso nótase no que sucede coas residencias para maiores ou nos protocolos de volta ás aulas, que exemplifican ese modelo de quen non ten ambición de autogoberno e se conforma con ultimar as directrices proporcionadas desde Madrid.

Tamén é certo que a loita contra esta pandemia ten un carácter global onde os principios de solidariedade e de igualdade entre Estados e territorios debe colocarse en primeiro plano e onde é chave o estímulo da investigación científica, non só para mitigar os danos senón tamén para a creación dun modelo alternativo que teña en conta o respecto ao medio natural e que nos distancie dese capitalismo trampa que provoca todos estes efectos inesperados. Creo que debería existir un proxecto galego cunha estratexia propia que potenciase os servizos básicos como a educación, a sanidade e os coidados, mais tamén se precisa unha mudanza a nivel planetario que é máis complexa de manexar.

Hai pouco, vostede escribiu sobre o fracaso do modelo Feixoo precisamente polo descalabro en que se converteu todo o proceso de volta ás aulas dos estudantes e, efectivamente, hai unha percepción de que todo está fallando, mais a socioloxía electoral semella non moverse.

Si, pero que o presidente obtivese esa esmagadora cuarta maioría non lexitima todas as políticas nin as decisións tomadas a calquera prezo. É importante subliñar que hai cuestións que deberían ser contrastadas e a loita contra a pandemia, pola transcendencia que ten, debería ser unha das cuestións concertadas. Podemos discutir sobre o futuro, pero non se pode volver ás aulas sen saber aínda cal será o destino dos noventa e catro millóns do fondo Covid dedicado á educación. Nin se pode gardar silencio sobre o que sucederá coas residencias de maiores. Existen cuestións que hai que responder: por exemplo, por que a maior parte das emerxencias en residencias de maiores se dan en centros privados e por que a rede pública galega ten unha estrutura que apenas foi ampliada ao longo da última década.

Esas cousas son responsabilidade de quen goberna, igual que o é encabezar acordos. Eu penso que non habería grandes dificultades para chegar a acordos entre todos os grupos do Parlamento galego para mellorar os servizos públicos e a rede de coidados; pero hai que querer, e iso xa é máis difícil.

Vostede falaba sobre "investir en educación como prioridade para a saúde", algo que pode parecer paradoxal pero que responde a unha visión harmonizada dos diferentes servizos públicos.

O que quería dicir é que se somos capaces de investir en educación pública seremos quen de formar unhas futuras xeracións adultas que teñan un comportamento máis respectuoso co medio ambiente, que aspire a condutas de alimentación máis saudábel, que contemple a posibilidade de mellorar a calidade de vida… Isto é concibir a educación como unha política estratéxica, aínda que recoñezo que esta é unha idea que non está de moda. Pero é volver confiar en que a educación volva ser un elemento transformador, como cría Paulo Freire [o autor de Pedagoxía do oprimido].

Hoxe son ideas que cederon ante outras concepcións que ligan a educación coa innovación e coa dixitalización, o cal é unha forma de asumir un modelo de economía que, se non andamos con coidado, pode acabar por outorgarlles máis privilexios aínda ás clases máis poderosas.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

comentarios