Manuel Bragado: "Aprendín que o editor ten que inhibirse sempre"

A máis grande das urbes da Galiza ten esperanza e Manuel Bragado (Vigo, 1959) sábeo ben. O seu testemuño é Manuel Bragado, unha colección de artigos que repasan o pasado da cidade e acreditan no seu porvir, trazándolle liñas de posibilidade. A obra é tamén o primeiro libro que lle edita Xerais, a casa que dirixiu durante case un cuarto de século e que abandonou para volver á súa primeira vocación pedagóxica como mestre de infantil.

Manuel Bragado. Foto: Janite
photo_camera Manuel Bragado. Foto: Janite

Vinte e catro anos á fronte de Xerais e agora é un dos seus autores.

É unha mudanza interesante, eu aprendín que o editor ten que inhibirse sempre, manter unha posición distante en relación á recepción dos textos, todo o contrario que o autor, que polo xeral ten unha proximidade emocional e afectiva respecto dese mesmo proceso. Cústame un pouco moverme dunha beira á outra, algo que non quere dicir que teña desinterese por esa recepción, especialmente pola crítica. Porén, non podo evitar levar algunhas inercias comigo que seguen servindo para a miña perspectiva como autor: como editor sempre defendín que a crítica nunca se responde, todo o máis se agradece, e ao longo destes anos penso que ninguén pode dicir que tivo conflitos comigo por esa cuestión, mesmo tendo que aceptar paus tremendos polo camiño.

A saída da editora foi a que algunha vez imaxinara?

Non, foi unha saída traumática para min, aínda que gardo discreción sobre ela, xa que entendo que é a miña responsabilidade. Viña mantendo un conflito cunha parte do persoal e cando comprobei que un sector da dirección do grupo tamén entendía que o meu liderado era feble, asumín esa decisión. Volvín á miña condición de mestre, que é de onde procedo, as miñas orixes foron como editor educativo formado desde 1986 como responsábel da Revista Galega de Educación. E foi doloroso porque os anos en Xerais foron unha parte moi importante da miña vida, mais tamén estou orgulloso da continuidade do proxecto e agardo que agora que a editorial fai 40 anos o seu papel persista no futuro e manteña a capacidade que sempre tivo de dialogar tanto coa memoria literaria da cultura galega como coa posibilidade de virar os ollos ao que nos depara o futuro. Penso que non se pode entender a cultura literaria e editorial nas últimas catro décadas na Galiza sen a achega que fixemos os profesionais de Xerais e agardo que iso continúe sendo así e que a editorial siga a ser un piar da nosa cultura.

A entrevista íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios