Contracultura

Tomás González: "Manter a convicción do libre acceso á cultura dá beneficios a curto e a longo prazo"

Tomás González, tradutor e escritor, é o fundador de Urco Editora, coa que vén de lanzar a Biblioteca Fantástica Dixital, poñendo de balde na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística catorce obras de Jack London e Robert E. Howard. González aborda as diferentes estratexias á hora de escoller os libros a traducir, así como o libre acceso á cultura que, como el di, "é parte do ADN da nosa cooperativa".
A Biblioteca Fantástica Dixital é unha das iniciativas de Tomás González. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Biblioteca Fantástica Dixital é unha das iniciativas de Tomás González. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a Biblioteca Fantástica Dixital?
Por un lado, é parte do ADN da nosa cooperativa. O primeiro libro que editamos foi O corvo, de Edgar Allan Poe, e o primeiro que fixemos foi poñelo en versión texto plano na nosa web para libre descarga. Era unha declaración de intencións, porque nós fomos a primeira editora comercial dentro da Galiza que comezou a publicar baixo Creative Commons.

Por outra parte, durante o confinamento, estabamos nun ERTE e a raíz dunha conversa con Denís Fernández [deseñador] sobre unhas axudas da Xunta decidimos dixitalizar toda a Biblioteca Lovecraft. Ao ano seguinte repetimos con Howard e London. Son libros que xa viviron o seu circuíto comercial, porque agora os libros viven moi pouco nos andeis de novidades e non demasiado nos andeis normais. Queriamos resignificalos dalgunha maneira e poñelos en aberto para todo o mundo porque son libros moi interesantes. 

—Por que escoller xusto estas obras?
Non tiñamos nada tan grande como no caso de Lovecraft, mais no noso catálogo destacaban estes dous autores e por iso decidimos xuntalos. Cando editamos as obras en papel no seu momento foron casos moi diferentes. No que respecta a Howard, decidimos sacar Solomon Kane, porque era un libro moi breve do que nos ofrecera a tradución un colaborador.

Despois, xa tiñamos no punto de mira a Biblioteca Conan coa intención de sacar unha edición de todos os relatos e novelas sen recorrer a pastiches, porque no seu momento todas as edicións que se manexaban no Estado español incluían moitos relatos rescritos posmortem polos seus editores. Aínda que quizais non é o máis interesante da súa obra, si é o máis significativo e coñecido e por este motivo queriamos telo en galego.

O de London foi diferente. As súas obras máis coñecidas son as novelas de aventuras, mais el ten unha obra inmensa de ciencia ficción social e socialista. Era un home ideoloxicamente moi interesante, moi de esquerdas nos Estados Unidos da súa época, e quixemos seleccionar obras raras ou menores como é A praga escarlata. Na Biblioteca hai dúas coleccións de relatos seus de ciencia ficción e precisamente nun deles explica o nacemento do capitalismo. Esta é unha das tensións que sempre houbo dentro de Urco: publicar cousas que nos dean de comer, mais tamén recuperar obras, autoras e autores que non estiveron recoñecidos no seu momento ou que non fosen traducidas ao galego. Estes autores representan as dúas estratexias: con Howard publicamos o que xa era coñecido e con London decidimos facer un pouco de traballo social. 

—Como se equilibra ese facer proxectos rendíbeis e garantir o libre acceso á cultura?
É complicado, mais para min sempre foi un conxunto. Nós somos unha empresa moi estraña porque somos unha cooperativa que ten a parte editorial e tamén unha parte de imprenta, así como outro selo editorial. Cando xogas a moitas bandas e podes ter un prato de comida na mesa grazas a imprimir as tarxetas de visita da carnizaría do barrio e os libros con Rinoceronte Editora, por exemplo, podes permitirte un proxecto cultural como Urco, aínda que obviamente non pode ser un pozo ao que tirar cartos.

Por outra parte, eu sempre pensei que manter esta convicción sobre o libre acceso á cultura dá beneficios. Se publicas libros baixo Creative Commons e permites que a xente os comparta e que estean vivos, é algo que repercute na túa sona e na túa imaxe. É un valor fundamental a longo prazo. E a curto prazo permite que moita xente te coñeza, que descarguen os teus libros e que, se hai algún que lles gusta, poidan mercalo para telo en papel ou para agasallar.

Comentarios