Manolo Maseda: “As nenas e nenos non teñen coñecemento sobre a realidade musical na lingua galega”

“Ao Son Da Nosa Música” é un proxecto socio-educativo de dous mestres de música no ensino público, Manolo Maseda e Martiño Ramos. Esta iniciativa consistiu nunha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares da Galiza de 20 centros diferentes e arroxou datos como que un 80% do alumnado non escoita nunca ou case nunca música en galego. O propio Maseda explica que a situación da música na nosa lingua é reversíbel se se aposta por medidas que involucren as rapazas e rapaces.
Manolo Maseda, co seu acordeón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manolo Maseda, co seu acordeón. (Foto: Nós Diario)

Por que a maioría da rapazada non escoita música en galego?

Penso que esta situación ocorre porque as crianzas non teñen acceso directo a ela. Non buscamos con este proxecto obrigarlles ás pequechas a que escoiten música na nosa lingua, senón que intentamos que o acceso sexa moito máis doado para que poidan estudar e traballar na música galega. Nese sentido, cremos que as aulas son un primeiro foco importante para mellorar. Por centrar no que me preguntas, non é que as crianzas non queiran escoitar música en galego. O que está a acontecer é que non teñen o coñecemento sobre a realidade musical na nosa lingua, algo que noutras idades si está máis normalizado.

Pensa que esta situación se repite noutros eidos culturais galegos?

Penso que si. De aí que acreditemos nos centros educativos como contedores culturais. Esta é unha referencia básica á hora de implantar un proxecto, xa que temos a convicción de que as artes moven o mundo. Calquera tipo de expresión artística, non só as musicais, está constatado que abre as mentes. Vimos de observar que se está a producir un decaemento das humanidades nos últimos anos, e é algo que ocorre en cada especialidade. Hai un concepto que tratamos e que me parece moi interesante, e que se está a traballar xa noutros países, no que as artes se mesturan coas ciencias, coas tecnoloxías, coas enxeñarías, coas matemáticas... e pensamos que é o momento indicado para reivindicalo como imprescindíbel dentro do noso modelo educativo.

A situación que vive a música en galego é aínda reversíbel? 

Coido que si. Calquera análise que se faga en referencia a intentar mudar un pouquiño e a mellorar a situación na que estamos a vivir é básica, por iso organizamos este proxecto. O que buscábamos era partir dunha análise máis ou menos próxima á realidade para, a partir dela, deseñar propostas que fosen enfocadas cara aos procesos educativos. Ademais, tamén pretendemos que se abra un debate social.

É dicir, a idea é que “Ao Son Da Nosa Música” nos faga reflexionar sobre moitos aspectos. O que estamos a observar é, por exemplo, a implicación das artistas de cara a achegar a súa música e a tender pontes co ensino. As sociedades medran sempre arredor do activismo, pero o activismo ten que estar acompañado dunha estrutura, e a estrutura coa que contamos aquí no noso país é moi potente. Pensamos que quizais este sexa un modo de normalizar e co que se poden reverter os resultados da análise.

Que iniciativas se poderían desenvolver para tender pontes entre as artistas e a música en galego e as crianzas? 

Penso que calquera medida que se poña en práctica debe enfocarse desde unha perspectiva horizontal. Se queremos implantar iniciativas de arriba para abaixo, cunha perspectiva de docencia vertical, dificilmente imos chegar ás crianzas dun modo eficiente e efectivo. Porque son métodos que, aínda que nalgún momento da historia e en certas circunstancias puideron ter funcionado, están moi desfasados a respecto do que demanda a sociedade, que é desenvolverse a través de procesos horizontais. Non se pode tratar as crianzas como se fosen elementos manipulábeis ao noso antollo. A cuestión de fondo nesta situación é que deben ser elas mesmas as que fagan parte das iniciativas. Por exemplo, unha proposta que temos é que as pequechas poidan achegarse á música en galego mentres comporten tempo e espazos coas propias artistas e, por que non, mentres compoñen música con elas. Desa maneira, non limitas a que simplemente escoiten música que lles poñen nas aulas, senón que forman parte desa música dunha forma activa.

Comentarios