O manifesto galego reivindicará no Día Mundial o Teatro “como escola, praza e referencia”

En tempos de urxencia social, o teatro “tería que ser obrigatorio”. Así o defenderá o manifesto galego que hoxe, quinta feira, Día Mundial do Teatro, lerá o crítico e escritor Camilo Franco no acto de entrega dos Premios María Casares. 

Escenario Teatro Principal
photo_camera Escenario Teatro Principal

O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro darase a coñecer esta cuarta feira, día 27, no acto de entrega dos premios María Casares que se desenvolverá, como todos os anos, no Teatro Rosalía da Coruña mais xa se sabe que conterá unha reivindicación do teatro como “arma de organización masiva” contra os males dos nosos tempos. Será o xornalista, crítico e escritor, Camilo Franco o encargado de ler o texto no que se mostra a vontade de que “o teatro poña a andar o mundo na dirección correcta”. 

 A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encargoulle a Camilo Franco a elaboración e lectura do seu manifesto, despois de en anos anteriores solicitarllo aos escritores Cesáreo Sánchez Iglesias e Xosé Luís Méndez Ferrín. 

En situación de urxencia

“Agora que o mundo é tan teatral, o teatro debería ser obrigatorio. Agora que todo o mundo, desde a policía aos xuíces, desde os banqueiros aos presidentes de goberno, están decididos a dar espectáculo en lugar de facer o traballo polo que cobran, é o momento de reivindicar o teatro como escola, como praza, como medida, como referencia”, será o inicio do manifesto que destacará a relevancia do teatro e o papel que ten que desenvolver nun tempo que cualifican de urxencia social. “Agora que todo imita os escenarios tentando facer pasar por comedia os padecementos, que pode haber máis importante que o teatro?”, pregúntase Franco no manifesto. 

No transcurso da cerimonia renderáselle homenaxe a Xosé Manuel Olveira, Pico, a quen se lle outorgara o Premio de Honra Marisa Soto e daranse a coñecer os espectáculos gañadores das trece categorías aos que optan 11 producións. Eurozone, con 12 nomeamentos parte como favorita, O home almofada, con seis, Bye Bya honey e As do Peixe con cinco e Waltz con catro. 

A cerimonia, que corre a cargo de Ibuprofeno Teatro, será presentada polas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre. Comezará ás 20.30 na Coruña e será emitida pola TVG a partir das 23.45 horas. 

Comentarios