"Clamor" contra o desmantelamento do programa

Manifesto en defensa do Diario Cultural

Un grupo de intelectuais e artistas veñen de difundir un manifesto en defensa do Diario Cultural da Radio Galega, que a dirección da emisora pública deixara de emitir no formato actual despois de 28 anos en antena.

Ana_Romani
photo_camera A directora do 'Diario Cultural' Ana Romaní.

“Ningunha dirección é propietaria do Diario Cultural”, di o texto, “despois de 28 anos de traxectoria, este espazo é un referente, patrimonio de todas e todos os galegos”.

Nós non imos ficar caladas é o epígrafe baixo o que se presenta o documento, redactado polo músico e escritor Xurxo Souto, que traballou no seu día na radio pública. “Existe un clamor contra o peche do Diario Cultural, pero ese clamor hai que concretalo”, explica a Sermos Galiza, “os medios públicos son un gran logro da cidadanía galega, e a cidadanía debemos defendelos, reclamalos como nosos”.

Souto lembra que a Compañía de Radio Televisión de Galicia naceu sobre todo co obcetivo de promocionar a lingua galega e toda a cultura que se vehicula a través do idioma. Así o recolle o punto un do artigo primeiro da Lei de Creación da CRTVG: “Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural”.

“Hai un feito obxectivo, que é a Lei de Creación. Ás veces perdémonos en valoración, mais desta volta trátase de cumprir a lei”, engade. Para Xurxo Souto, o emblemático Diario Cultural creou “un novo arquetipo, un programa que xa é patrimonio de todos”. “É moi fermoso ver como entre todos e todas imos creando novos símbolos do común. O Diario Cultural é un deses símbolos”, conclúe.

O grupo promotor de Nós non imos ficar caladas fórmana, amais de Souto, as escritoras Ledicia Costas, María Reimóndez, Cesáreo Sánchez Iglesias, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Mercedes Queixas, Manuel Rivas, Dores Tembrás e Suso de Toro; os editores Manuel Bragado e Fran Alonso; a catedrática Margarita Ledo; a crítica María Xesús Nogueira; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira e a música Xiana Lastra.

Na páxina web nósnonimosficaracaladas.wordpress.com recollen apoios.

Apoio da Asociación de Actores e o Colexio de Xornalistas

Entidades e asociacións seguen a se sumar a ese “clamor” do que fala Xurxo Souto en defensa do programa cultural máis veterano dos medios de comunicación públicos galegos. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia -asociación sindical de profesionais da intepretación- emitiu un comunicado en que lamenta “a triste decisión de sumprimir o histórico” programa.

“A asociación considera irresponsable e incomprensible a determinación de baleirar, desvirtuar e esmiuzar un programa de tan longo e brillante percorrido”, afirma, “referencial para os ouvintes e de indiscutible prestixio para o sector cultural no seu conxunto”. Ademais de recoñecer explicitamente o labor da súa directora, Ana Romaní, a asociación esixe “unha fonda reflexión” dos responsábeis actuais da CRTVG.

O Colexio Profesional de Xornalistas tamén se posicionou en contra do anuncio da Radio Galega de desmantelar o Diario Cultural. “A corporación asegura que o cambio de formato obedece a unha aposta pola cultura”, di nun comunicado que tamén critica a supresión de desconexións informativas locais no ente público, “mais, con independencia de que a dirección sexa libre de mudar a programación, esta aposta semella contradictoria coa atomización da programación cultural e a desaparición do formato referencial da cultura nos medios públicos, que contaba con 28 anos de historia”.

Comentarios