CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Manchester á beira do mar

manchester1
photo_camera manchester1

Manchester by the Sea

(EUA 2016, 137 min.)
Dirección e guión: Kenneth Lonergan
Fotografía: Jody Lee Lipes
Música: Lesley Barber
Elenco: Casey Affleck, Lucas Hedges, Michelle Williams, Kyle Chandler, C.J. Wilson, Tate Donovan, Gretchen Mol, Matthew Broderick, Anna Baryshnikov, Josh Hamilton, 

SINOPSE
Lee Chandler traballa de encargado de mantemento nun bloque de edificios. A morte do seu irmán propiciará que se mude a súa vila natal para facerse cargo do seu sobriño.

CRÍTICA

Para situarnos, Manchester á beira do mar non está ambientada en Manchester (Reino Unido), senón que se desenrola en Manchester (Massachusetts, EUA). De feito esta localidade é coñecida entre os paisanos co nome de Manchester by de Sea, xusto coma o título orixinal do filme. Tampouco é que sexa determinante saber isto antes de lanzarse de cabeza a este excelente melodrama, mais axudará a quen non sexa moi adoito/a en xeografía e, de paso, evitará a faciana de sorpresa ao ver que non conducen pola esquerda... A cousa vai dun senlleiro, e amargado, encargado de mantemento que traballa nun bloque de edificios de Boston. Un día recibe a nova de que o seu irmán acaba de falecer. Deberá entón tomar a decisión de seguir coa súa rutina en Boston ou retornar a súa vila natal para facerse cargo do seu sobriño até que cumpra a maioría de idade, un lugar con demasiadas lembranzas... A trama ben podería caber en calquera melodrama de sobremesa de fin de semana, porén, acaba por se converter nunha historia memorábel... E todo grazas a un elenco de actores e actrices en estado de graza, un intelixente guión (non lineal) e máis unha dirección adusta e sobria que lembra poderosamente ao estilo de xente coma Alexander Payne (A propósito de Schmidt) ou Jim Jarmusch (Flores rotas). Non só Casey Affleck (Adeus pequena, adeus) está espectacular no rol de irmán atormentado por un pasado que lle provoca repentinos brotes de ira ao estilo de Joe Pesci ou Tayler Durden, tamén, en roles secundarios, destaca unha impresionante Michelle Williams (Blue Valentine), no rol de antigo amor do protagonista, e un xoven Lucas Hedges (Teorema Zero), o sobriño, que logra transmitir á perfección todas as contradicións desa estraña fase chamada “adolescencia”. Os tres estiveron indicados aos Óscar mais, inda que todos eran merecedores, só Casey Affleck foi quen de acadalo. Mención especial merece a breve, pero intensa, participación de Matthew Broderick (Todo nun día) capaz de definir toda unha vida en apenas catro trazos interpretativos. Obviamente gran parte deste mérito débese á precisa dirección de Kenneth Lonergan, máis pródigo na faceta escritora cá na de realización, pois é o seu terceiro traballo en dezaseis anos. Un director-guionista tan capaz de colaborar no libreto de Gangs of New York (2002, Martin Scorsese), polo que estivo indicado ao Óscar, coma de perpetrar a adaptación á gran pantalla d’As aventuras de Rocky e Bullwinkle (2000, Des McAnuff). Desde logo en Manchester fronte ao mar supérase con creces, tanto na dirección coma na narrativa, acadando o recoñecemento do Óscar a Mellor Guión Orixinal, así coma o BAFTA ou o Premio Especial do Xurado en Xixón, entre outros. Un férreo guión en forma de medido quebracabezas no que se van incorporando pezas, a modo de flash-backs, coas que completar o conxunto que desvele o porqué da actitude do protagonista, e a de todas as demais personaxes que pululan polo filme, claro... A familia, para ben ou para mal, é o epicentro de todo: esas discusións ao límite da crueldade psicolóxica, o uso, e abuso, da confianza para acadar os propios fins, os silencios incómodos nos que se sabe o que se está a pensar, o perdón infinito... Un filme extraordinario, duro tamén, que trata de expresar o inferno interior, no seu estado máis cru, así de como poder afrontar a dor no medio da rutina cotiá dun home de mente atormentada que semella morto en vida. Unha viaxe arredor da tristeza infinita non recomendábel para xente con exceso de empatía. Manchester á beira do mar deixa un duradeiro poso amargo só soportábel polo alto nivel de cinema que desprega de principio a fin.

Comentarios