Mámoas que se desprazan 123 metros e minas de ouro minguantes, exemplos de ‘desleixo’ da Xunta en patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio lamentan que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural siga sen retirar do visor de aproveitamentos forestais da Xunta os datos que sinalou como errados da xeolocalización do patrimonio cultural.

castro da vela visor patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio alertaban a mediados do pasado mes de maio ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que había xacementos arqueolóxicos nesta zona do norte da Galiza en perigo por erros na súa xeolocalización

“A actualización da información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta, adoecía dun número considerábel de erros de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos”, denunciaban entón.

Agora, camiño das 3 semanas despois da denuncia, estes dous colectivos afirman que a Consellaría de Cultura “segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais”.

Este organismo, indican Adega e Mariña Patrimonio, é o único que fica por contestar á reclamación, algo que si fixeron, afirman estes colectivos, desde a Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, “a través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, Aega e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona norte da provincia de Lugo, “entre os múltiples detectados no visor”:

1.Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento.

2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.

3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.

4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.

5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.

6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.

7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.

8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto,  quedan desprotexidas.

9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta  despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.

10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.

Comentarios