As Malvela despiden a Señora Carmen

As Malvela cantaranlle á Señora Carmen na súa despedida na Sanguiñeda (Mos) esta véspera de Reis ás 17 horas. A voz solista do grupo de cantareiras finou con 89 anos . 

Señora Carme
photo_camera Señora Carme

Subira ao escenario por vez primeira cando tiña xa máis de 70 anos e gravou o seu disco en solitario “Na flor dos meus anos”, con 82. A solista de Malvela será enterrada nesta véspera de Reis ás 17 horas na Sanguiñeda (Mos) e aí estarán as súas compañeiras do grupo de cantareiras que nacera despois dun curso de cantos populares impartido por Uxía. 

A Señora Carmen era a máis vella das Malvela. Fundadora do grupo, descubriu nos escenarios unha nova maneira de se expresar que a facía feliz, canda aquelas mulleres de distintas xeracións unidas pola música e o canto e que gozaban ao dar a coñecer a tradición da súa comarca. 

“Alí estaremos as Malvela para cantarlle"

Carmen de Campos, bautizada por Uxía como Señora Carmen, nome que se imporía na súa traxectoria artística, non tardaría en conseguir a empatía do público que respondía á emoción do seu canto. Tamén das súas compañeiras, que lamentan a perda dunha muller da que quedará memoria no grupo. Sentirase tamén na súa despedida, na Igrexa Parroquial da Sanguiñeda ás 17 horas neste 5 de xaneiro. “Alí estaremos as Malvela para cantarlle, para renderlle sentida homenaxe, para dicirlle canto a queremos...”, comentaban na nota na que comunicaban o falecemento da súa solista. 

Con Malvela, a Señora Carmen gravou o seu primeiro disco en 2002, “Que o pano non me namora”, ao que seguirían “O aghinaldo”, “Da miña xanela á túa” e “Raianas” en 2011. Malvela era a súa casa, o proxecto que lle abriu novos mundos e do que ela se sentía debedora, o que a levou a recorrer escenarios de países lonxanos e a cantar na televisión para milleiros de persoas. “Entrar en Malvela parece que me deu a vida, pola música e polas xuntanzas. Eu son de Malvela e nunca me vou separar; gústame máis cantar en grupo”, díxolle a Fran Alonso na entrevista publicada no seu disco en solitario 'Na flor dos meus anos', publicado en 2007 cando contaba xa con 82 anos e para o  que contou con colaboracións de artistas como Uxía, Budiño, Rodrigo Romaní, Dulce Pontes ou tamén membros de Treixadura, Berrogüetto e da propia Malvela. Ademais do CD con 11 cancións, o traballo recolle un libro con diferentes textos e un documental que nos achega á biografía e á personalidade da Señora Carmen, transmisora dos tesouros da nosa tradición. “Na flor dos meus anos” é un traballo feito á medida de Carmen de Campos, da súa grandeza humana e cultural, do poder da súa música e do engaiolante da súa figura que era quen de emocionar cun canto que nacía directamente da terra. 

"O arrolo de todas as nais e avoas do mundo"

“Grazas señora Carmen por traernos na túa voz milenaria o arrolo de todas as nais e avoas do mundo, a crónica do sufrimento e da dignidade, o son da rebeldía, a memoria das carballeiras e a esperanza do tempo que vén”, escribe Luís Bará naquela aventura musical en solitario que comezaba unha artista de máis de oitenta anos que el tanto animara. 

O escritor Fran Alonso, pecha o texto de confidencias do disco referíndose á segunda vida que atopou na música. “E, agora, diante dos aplausos enfebrecidos, a Señora Carmen é máis consciente ca nunca de que a pesar de sufrir penas, de sufrir males, as voltas do vira son cousa linda. E os seus beizos debuxan un fermoso sorriso campesiño, que como a terra á chuvia, lle agradece ao público que ao longo destes anos lle brindase unha segunda vida, un segundo vira”, remata o escritor o intenso texto titulado “A voz que vén da seitura”. Uxía, que pulou por Malvela desde os seus inicios, define ao xeito a maneira de transmitir as cancións que tiña a Señora Carmen: “Cando escoitei cantar a Señora Carmen por primeira vez sentín a terra tremer baixo os meus pés. Tiña esa forza telúrica e profunda que destilan as voces que saen das entrañas e que nos transportan a outros tempos e nos devolven a esencia mesma do que somos as mulleres galegas: a dozura e a rudeza, a forza e a delicadeza, a tristura e a picaresca”. 

“Sempre na nosa memoria e no noso corazón a súa voz fonda e telúrica, Señora Carmen. Nunca a esqueceremos”, son as palabras de Malvela na despedida da súa voz máis querida. 

Comentarios