Acusan a falsidade das obras expostas no Museo de Lalín en 2020

Mallo e Seoane, na sombra da dúbida

Abril comezou con polémica artística, a referida á autoría duns cadros atribuídos a Maruxa Mallo e a Luís Seoane que hai un ano se expuñan en Lalín avalados pola Consellaría de Cultura da Xunta. O rebumbio estoupaba esta semana e o mundo da cultura e da política exixen ás autoridades que despexen as dúbidas.
para-web
photo_camera O cadro 'Manequín, vía do tren e caveira' é un dos que os expertos negan que a autoría sexa de Maruxa Mallo. (Foto: Nós Diario)

Creacións máxicas de medidas exactas. Maruxa Mallo e Luís Seoane en Bos Aires. 1936-1965 foi o título co que, desde o 10 de xaneiro até o 13 de marzo de 2020, o Museo Ramón María Aller de Lalín repasaba o período destes dous artistas no seu exilio na Arxentina logo do golpe de Estado franquista. Un total de 43 obras, 25 de Seoane e 18 de Mallo, que agora ven cuestionada a súa autenticidade.

O xornal dixital eldiario.es destapaba nos últimos días a presentación, diante da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, dunha carta na que se denunciaba que a autoría de 14 deses óleos e tres debuxos non lle correspondía a Maruxa Mallo. Os asinantes da misiva eran o crítico de arte Juan Pérez de Ayala, o galerista Guillermo de Osma e mais o sobriño da pintora, Antonio Gómez Conde, responsábeis, a petición da familia da artista, do catálogo razoado co que se quere listar toda a obra de Mallo.

Unha polémica que xa saltara, mais en relación con Luís Seoane, en 2020 cando a propia Fundación negara a autoría dalgunhas obras como tamén o facía, nunha entrevista con Nós Diario, a especialista en museoloxía Rosa Espiñeiro, que denunciaba as "sospeitas da mostra de Lalín". Aínda así, consultada por este xornal, a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, declinou facer declaracións por "respecto ao procedemento" das súas actuacións ante o padroado.

Naquela altura Guillermo de Osma defendía a tese de que Maruxa Mallo só elaborara arredor dun cento de óleos, afirmación que desmentían tres expertos galegos no tema: Xosé Ramón Barreiro, Pilar Corredoira e Beatriz López Morán. Nesta primeira polémica escúdase hoxe Antón Castro, comisario da exposición Creacións máxicas de medidas exactas, que acusa a De Osma de sementar as dúbidas polos seus propios intereses. 

A este respecto, o historiador Carlos Nuevo, autor de Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, non pasa por alto "que sexa unha soa persoa a que defenda a autenticidade" fronte a tantas outras que a cuestionan. Entre elas, el mesmo, que en conversa con Nós Diario explica que "Maruxa Mallo mantivo sempre álxidas as diversas etapas da súa pintura, e aínda que nunca renunciou ás fases previas, tampouco se repetiu".

Nuevo conta nos seus estudos sobre a artista que "era moi coidadosa, gardaba todos os seus recortes de prensa, ordenados con data de publicación... Despois de todo iso e de meterme en profundidade na vida e obra de Maruxa Mallo non me encaixan estas obras entre as súas". "Era moi rigorosa no tratamento artístico, estudaba profundamente esta obra é máis descoidada e non está nos apuntamentos, sería unha involución", di dos lenzos cuestionados.

Carlos Nuevo non pasa por alto tampouco que, especialmente nos últimos tempos, a obra de Maruxa Mallo, igual que a de Seoane, está disparada en termos económicos e por iso apunta tamén a necesidade de que a Xunta da Galiza cree un "comité técnico formado por especialistas que coñezan amplamente a artista", e constatar a procedencia o percorrido de cada obra.

O padroado da Fundación Luis Seoane reúnese de modo urxente

Na xornada de hoxe lévase a cabo a xuntanza extraordinaria do padroado da Fundación Luis Seoane co obxectivo de analizar a situación creada polas “dúbidas da autoría dalgunhas obras de Seoane" expostas na mostra realizada en Lalín o pasado ano.

A este respecto, o Goberno local, que preside o padroado da Fundación a través da súa alcaldesa, Inés Rey, desvinculábase desa mostra en declaracións a Europa Press, posto que nin o concello nin a Fundación eran os organizadores.

A este respecto, Marea Atlántica exixiu ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que si avalou dita exposición, e a Rey “unha resposta conxunta e contundente” en relación ás dúbidas sobre a autoría dos cadros. Ademais, reclama "un estudo cualificado e exhaustivo das pezas postas en dúbida". 

Comentarios