Reacción contra a organización dunha Feira da Coruña "que pon en inferioridade o libro galego"

Quedan dous días para que remate a Feira do Libro da Coruña, a máis popular no país, e a estupefacción no mundo do libro galego que xa comezou días antes ao facerse público o programa rematou converténdose en rexeitamento así como se ía desenvolvendo a feira. 

feiradolibro2
photo_camera Visita á Feira do Libro do alcalde e do concelleiro de Culturas da Coruña, xunto co presidente da Federación de Libreiros [Foto: Concello da Coruña]

Cal foi o problema para que diferentes escritoras como Ledicia Costas, Emma Pedreira ou Eli Ríos, ou mesmo o editor Manuel Bragado, leven manifestando o seu malestar durante días? Que houbo tres programacións paralelas: unha organizada pola Federación de Libreiros, con libros e autores e autoras galegas; outra organizada polo Concello, o Xardín dos Libros, con actividades para crianzas; e unha última, con financiamento do Concello pero decidida polas librarías da Coruña, chamada "A Carpa das Librarías", que fixo unha programación maioritariamente en español e con autores e autoras españolas, como Sonsóles Ónega, Soledad Puértolas, Antonio Orejudo ou Carlota Corredera, directora do programa de televisión Sálvame que pechará o programa esta cuarta feira.

Eli Ríos ao Concello da Coruña: "Realmente é este o sistema literario que queredes defender? Un sistema literario que obvia a literatura para vender productos televisivos?

Ademais do agravio comparativo da diferenza de investimento entre os autores e autora sen español e os/as galegas, que até é graficamente visible no folleto pois os españois aparecen en maiúsculas; os problemas de organización foron patentes durante toda a feira, con interrupcións entre uns espazos e outros e mal desenvolvemento das actividades, tal e como denunciaron en redes sociais varias persoas, entre elas as escritoras Eli Ríos e Emma Pedreira. 

Reaccións no sector do libro

Ríos, recente gañadora do Torrente Ballester de novela e do López Abente de poesía, publicou un duro post no seu blog ao respecto da feira "para sacar do silencio a situación de moitas persoas que fomos menosprezadas". No texto compara a situación das autoras galegas coas de fóra: "As persoas que escribimos pagamos a nosa gasolina, as peaxes, dedicamos horas ás viaxes, etc. e iso sae dos nosos petos. E nunca nos queixamos. Ata agora. Ata o momento no que o Concello da Coruña (puxo os cartos) e as Librarías da Coruña (decidiron como usalos) investiron unha cantidade enorme na Feira do Libro para traer escritores/as que nunca mercaron un libro nas vosas librarías e que nunca pagaron impostos no Concello da Coruña". 

E pregúntalle ao Concello da Coruña: "Realmente é este o sistema literario que queredes defender? Un sistema literario que obvia a literatura para vender productos televisivos? Era necesario encher unha Feira do Libro con presentadoras de televisión ou bestsellers? Acaso non teñen outros espazos de visibilidade? Era necesario ocultarnos? Menosprezarnos?". E apunta en conversa con Sermos: "O peche da feira é a presentación dun libro no que se fala e se propón baixar da talla 38. Ese é o peche da feira". 

Ledicia Costas: "Se este é o modelo que se vai implantar de agora en diante na Feira do Libro da Coruña, baixo deste tren en marcha"

Tamén Ledicia Costas, Premio Nacional, manifestou nas redes sociais a súa "decepción e tristura". "Contraprogamar do xeito en que se fixo é para min sinónimo de boicotear. E o boicot ao libro galego e as autoras e autores galegos desde certa parte do sector das librarías coruñesas, co apoio económico do Concello da Coruña, é algo tan delirante que a esta altura coido que só queda recibir unha explicación de quen corresponde. Polo que a min respecta, se este é o modelo que se vai implantar de agora en diante na Feira do Libro da Coruña, baixo deste tren en marcha. Xa haberá outro ao que subir. Outro onde nos mimen, nos coiden e nos respecten". 

Outro dos persoeiros destacados que se sumou ás críticas foi Manuel Bragado, director de Xerais, que tamén expresou no seu blog a súa "decepción" polo modelo de organización: "Creo a todas luces fóra de lugar preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público". Tamén se referiu á "insoportable interferencia sonora entre o que sucedía na «lata» e na carpa, que incomodou aos oradores e dificultou ao público o seguimento dos actos simultáneos". 

Orixe na crise das feiras do libro

Ermitas Valencia, da Livraria Suévia, explícanos as orixes da organización da feira, que proveñen da crise das feiras do libro en Galiza e que deu lugar xa ao xurdimento doutro tipo de eventos tanto en Santiago coma en Pontevedra. No caso da Coruña, explica Valencia, "desde finais do ano pasado viñámonos reunindo un grupo bastante amplo de librarías da Coruña nas que todo o mundo avaliaba negativamente a feira do libro que se facía sempre e na que a maioría de nós non participabamos porque non nos convencía o funcionamento". A raíz diso, continúa, "o Concello propón unha partida específica e explica que podemos facer un complemento ao que había. E o que se fixo foi que un grupo de librarías acordou por maioría falar cunha persoa que deseñase a Carpa dos Libros e, a maiores, o Concello programou outra carpa con actividade infantil integramente en galego". 

Ermitas Valencia, libreira da Coruña: "Parece que non nos chega coa literatura propia e que temos que traer xente de fóra para darlle máis empaque". 

"Nós decidimos non participar porque non compartimos o modelo porque o lóxico é que cando hai cartos tamén se conte cos autores galegos cos que estamos traballando todo o ano, que non cobran nada", afirma a libreira herculina que defende que "hai que ter claro o sistema literario se vai apoiar". "Hai recursos moi limitados que hai que usar para promocionar o sistema literario galego, que é o que repercute economicamente no país e tamén nas propias librarías".

Sen embargo, Valencia tampouco esquece que isto foi un intento de cambio porque a feira organizada pola Federación de Libreiros funciona mal, ao seu ver. "Non teñen nin unha mísera páxina de Facebook onde se poida mirar a programación. Todo isto non deixa de ser un síntoma de que o que había antes non valía, os autores queixábanse todos os anos. Hai que facelo cuns criterios máis transparentes e uns días antes da feira do libro ninguén sabe o programa, e a xente pregúntase que fai a Federación cos cartos que recibe da administración".

E esta nova aposta, considera Ermitas Valencia "só o empeorou todo". "No sistema literario galego non quedou ninguén contento, en parte puido ser polas présas, porque houbo pouco tempo para organizalo, pero tamén se primaron os criterios comerciais, parece que non nos chega coa literatura propia e que temos que traer xente de fóra para darlle máis empaque". 

Manuel Bragado: "O modelo biface de organización foi un rotundo fracaso e puxo en plano de clara inferioridade ao libro galego"

Bragado pide "refundación"

O editor vigués insiste tamén na necesidade de "virar completamente a deriva das Feiras do Libro". Mais isto non xustifica en caso ningún, afirma no blog, "que non se puidese ter chegado a artellar entre Concello e Federación unha programación única". "O modelo biface de organización da edición da feira que está a piques de finalizar foi un rotundo fracaso, confundiu a moitos lectores e lectoras, decepcionou con razón a moitos autores e autoras e editoras galegas, xa que puxo en plano de clara inferioridade ao libro galego, a pesar de que polos datos que recabei foi o protagonista comercial e cultural da primeira parte da feira".

Bragado chama finalmente a unha refundación das feiras do libro polo conxunto do sector, contando co apoio da Xunta e dos concellos, así como dos libreiros. As feiras do libro, remata, seguen a ser "imprescindibles para a visibilización do libro e da lectura no espazo público".

Comentarios