Malena Fernández é co creadora de 'Guísomo eu'

Malena Fernández: "Facer calquera tipo de cultura en galego é posíbel"

Guísomo eu é un proxecto das artistas e estudantes universitarias Uxía Miranda, Malena Fernández, Xiana Fole, Catalina Eirea e Sara Castro. No manifesto recollido na súa páxina descríbense como defensoras da liberdade e a responsabilidade afectiva como mellor maneira para existir. O seu obxectivo é crear unha pequena comunidade artística na que proxectos profesionais e principiantes convivan. Tras publicar o seu primeiro fanzine, traballan en desenvolver actividades que dean voz ás novas artistas galegas.
Malena Fernández, no centro da imaxe, xunto ás creadoras do 'Guísomo eu'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Malena Fernández, no centro da imaxe, xunto ás creadoras do 'Guísomo eu'. (Foto: Nós Diario)

-En que consiste o seu proxecto?

Guísomo eu naceu coa idea de ser unha plataforma na que as artistas galegas que soben contido ás redes sociais pola súa conta puidesen expresarse e publicar de maneira conxunta, traballar con persoas diferentes e tecer redes de contactos. Persoas que se dedican ao debuxo, á elaboración de ilustracións ou colaxes... por ese motivo escollemos o noso nome. Queremos facer fincapé no concepto de que a artista constrúe a súa propia arte, e é quen a dá a coñecer ao mundo. De todas as posibilidades que se nos ocorreron, pareceunos o nome máis axeitado e o que mellor recolle a esencia do noso proxecto.

-Parece que teñen moi clara a súa idea do que debe ser Guísomo eu, pero xurdiu de súpeto ou era algo que levaban tempo pensando facer? Atoparon atrancos á hora de gravar o documental?

Precisamente no editorial do noso primeiro fanzine nárrase como foi o nacemento de Guísomo eu, despois dunha conversa no piso no que viviamos Uxía, Catalina e máis. Por resumir, era algo que levabamos moito tempo pensando en deseñar. O xerme do noso proxecto estaba en estado latente, pero non o desenvolvemos totalmente até que non o pronunciamos en voz alta. A partir dese momento, foise engadindo máis xente. Decatámonos de que non só éramos nós as que sentiamos a necesidade de organizar a xente e de proporcionarlles un espazo no que poder expresar e expresarse.

-Aínda que o obxectivo do proxecto é darlle voz a todas as artistas que o precisen, teñen algún criterio para decidir quen pode participar?

Nós decidimos reducilo ao ámbito da Galiza. É certo que, por exemplo, están a crearse outro tipo de proxectos similares en Madrid ou Barcelona, cidades máis grandes que Santiago de Compostela. Pero nos queríamos acoller o ámbito galego e as artistas galegas. Artistas que poderían ser consideradas principiantes, ou que teñen un pouco máis de carreira profesional pero que gostan de participar neste tipo de iniciativas. Por sorte, para o primeiro fanzine puidemos publicar toda a xente que nos mandara colaboracións. Para nós iso foi un auténtico éxito.

-Acaba de falar do seu fanzine. Ademais deste, que outras actividades fan ou teñen pensado facer?

Despois de abrir a nosa convocatoria para as artistas e de publicar o fanzine, organizamos un pequeno festival nun parque de Compostela. Nel presentamos Guísomo eu e convidamos algunhas das colaboradoras que participaran no fanzine para que puidesen expor as súas obras e a facer un pequeno mercado no que os asistentes ao festival coñecesen as artistas de maneira presencial. Conseguimos materializar todo o apoio que estas rapazas e rapaces reciben a través de redes. Agora estamos coa organización dun segundo fanzine. Neste número, cada proposta é elaborada por dúas persoa emparelladas que elaboran unha peza en común. Ademais, estamos planeando facer algún evento presencial en verán, como un obradoiro ou outro festival. Pero claro, sempre e cando o permitan as restricións sanitarias.

-Que importancia teñen iniciativas como Guísomo eu para as artistas galegas?

Fan falta plataformas e lugares nos se que organicen todas estas artistas que se cren principiantes para que comecen a ter maior confianza e que poidan desfrutar do recoñecemento que teñen nas redes sociais as súas obras. Construír estes espazos materializa o apoio que fornecemos ás artistas cando lles damos a “gústame” nas redes ou cando compartimos as súas pezas.

Comentarios