Malandrómeda volve sorprender cun segundo EP neste 2020, 'San Amaro'

Está dispoñíbel para libre descarga na rede desde o 23 de decebro. En setembro o Hevi lanzou outro EP, Animais da feira.
Detalle da portada do EP, obra de Daniel Alonso Mallén (Imaxe: Malandrómeda).
photo_camera Detalle da portada do EP, obra de Daniel Alonso Mallén (Imaxe: Malandrómeda).

No mes de setembro o Hevi rachaba con dous anos de silencio co EP Animais de feira. Esta semana repetiu a xogada con San Amaro, o seu oitavo traballo como Malandrómeda.

"Se me dou xuntando cos colegas e contar un conto síntome afortunado, neno”, canta nun dos seus catro novos temas, Quero nécoras, gravado o pasado 2019 por estas mesmas datas mais que ben podería servir como desexo para o vindeiro 2021.

O EP foi liberado en internet o día 23, o 24 as redes xa fervían partillando a ligazón do último do Hevi. Días libres, Nin barco nin hostias e Unha casa no camposanto completan este EP, de libre descarga no propio portal de Malandrómeda.

Os temas, gravados previamente entre 2018 e 2019, mesturados na pasada primavera, como os do primeiro EP que lanzou o Hevi este ano.

Nas letras, canta sobre o paso do tempo e a falta do mesmo: "Os días libres foron canda ao Ribeiro de pipo".

Nas colaboracións figuran Oh! Ayayollah ou Xaque, entre outros. O deseño e o collage da portada e da contraportada, tamén descargábeis, son obra de Daniel Alonso Mallén. 

Comentarios