venres 30/10/20
Música

Malandrómeda sorprende cun novo EP após catro anos de silencio

Publicouse sen case previo aviso esta madrugada. O disco ten catro temas e pode escoitarse de balde na web de Malandrómeda.
Lámina interior de 'Animais de feira'
Lámina interior de 'Animais de feira'.

Chegou de madrugada, cos pés de la, como querendo pasar desapercibido. Malandrómeda, fiel á súa identidade underground, publicaba sen case previo aviso un novo EP, que chega logo de catro longos anos de silencio discográfico.

Animais de Feira facíase público por volta das tres da mañá, logo dun misterioso anuncio nunha conta de Instagram de recente creación (malandromeda_feira): "Esta noite... chachachá". Pero o bocaorella, dentro e fóra das redes, funciona bastante ben e a nova espallouse axiña, cal pólvora prendida.

Porque os discos que asina o Hevi son todo un acontecemento entre unha ampla comunidade de fans dunha das propostas máis singulares do panorama musical da Galiza.

As últimas novas do grupo chegaran en 2016, cunha insólita dupla publicación: Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo . Dous conceptos absolutamente diferentes, editados en vinilo e dixital, que dan saída, dunha banda, ao intimismo máis melancólico, e doutra, aos temas máis festeiros. Estas liñas, en certo modo, xúntanse de novo como as dúas caras da moeda en Animais de Feria.

Catro temas compoñen o álbum, que se debate, coa corrosiva lucidez dunhas letras que desbordan idiosincrasia cun dominio da rima sen parangón, entre unha certa escuridade distorsionada que se ergue de novo en retrousos cumbieiros como os de "Hoxe dormes fóra", cos latexos frenéticos de "XigantesECabezudos" e "CatroAgullasPraUnhaBolboreta" ou os ritmos algo máis acougados de "GalicianEdiMurfi".

E canta o Hevi, incisivo, sempre armado de retranca: "Se é verdade que sexa simple e, sobre todo, unilateral".

Ademais da súa, no álbum escóitanse as voces de Faia, Fat Nuno e Xavi G. Pereiro. Colaboracións de luxo nun EP gravado a finais do pasado ano, mais mesturado na primavera deste 2020.

comentarios