Listaxe da revista catalá 'Rockdelux'

Malandrómeda e Emilio José, entre os mellores discos estatais da década

Dous discos galegos e en lingua  galega figuran na listaxe das mellores 50 gravacións estatais da década que agora remata. Trátase de Agricultura livre (2015), do ourensán Emilio José, no posto 32; e mais de Os corenta e oito nomes do inimigo (2016), unha das partes do díptico de Malandrómeda, dúo hip hop compostelán, no 37. O ránking vén de publicalo no seu número de novembro unha das publicacións de maior prestixio e veteranía da prensa musical pop do Estado, a catalá Rockdelux. O número especial da revista, de periodicidade mensual, conmemora 35 anos nos quioscos.
malandrómeda
photo_camera O dúo hip hop Malandrómeda. Foto: cedida.

agricultura livre - emilio josé cubertaSobre o traballo de Emilio José, un inesgotábel triplo CD, escribe o crítico galego Marcos Gendre:  "Catro horas de macedonia musical ao cubo onde, baixo un fío subxacente xeral de saudade galaica, xorden pertinentes faíscas de hip hop, jazz, samba, grime atlántico, bossa nova, funk, sunshine pop, cumbia ou ambient [...] enfant terríbel do pop peninsular".

De valorar o traballo de Malandrómeda encárgase José Manuel Caturla: "[Mestres] do recitado agonístico, persuasivo, socarrón, tribal. Artífices dun traballo que aínda hipnotiza coa súa variedade de ritmos, texturas electrónicas e melodías radiais que te arrastran a un mundo máxico, crítico e vangardista". Na listaxe comparece outra banda galega, Triángulo de Amor Bizarro, de Boiro, que cantan en castelán e facturan electricdade noise pop. Fano no número 30 co seu disco Año Santo (2010).

Rockdelux sinala ademais artistas en catalán como Antónia Font, Manel, Maria Arnal I Marcel Bagés, Sisa ou Xavier Baró; e en euskera Anari e Lisabö. Segundo a publicación con sede en Barcelona, o mellor disco estatal da década 2010-2019 é El mal querer (2018), de Rosalía. O internacional, My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010), de Kanye West.

Nota: cuberta de Agricultura livre (2015), disco triplo de Emilio José.

Comentarios