Organiza a AELG en Pontevedra

Máis de trinta autoras reflexionarán sobre 40 anos de poesía galega

As catro décadas que transcorreron entre a emblemática, decisiva publicación de Con pólvora e magnolias e a actualidade supuxeron a definitiva entrada da poesía galega na contemporaneidade. Ou, segundo non poucas voces críticas, na súa idade de ouro. Un congreso organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e na que participarán máis de trinta escritoras e escritores, reflexionará sobre o estado do xénero.
 

.
photo_camera Foto: arquivo SG

Cunha variación do célebre verso de Xohana Torres -Nós tamén navegar- como título, seis mesas de debate e un recital entre o venres 6 e o sábado 7 de outubro en Pontevedra servirán para tomarlle o pulso ao xénero. "A poesía galega é unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria", sinalan os promotores do encontro, "pero padece certa invisibilidade social. Cómpre este congreso para debater sobre as súas perspectivas e ser punto de encontro".

Tras a inauguración a cargo do presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias e da concelleira de Cultura Carme Fouces, os debates do venres 6 de outubro empezarán cun repaso sobre os últimos 40 anos, coordinado por Marta Dacosta e no que falarán Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño. Despois, Afonso Becerra coordinará a Miguel Sande e Silvia Penas para tratar sobre o "teatro e outras de comunicación do poético".

Un concurrido recital presentado por Lucía Novas e con música de César Morán pechará esta primeira xornada con lecturas de Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro.

As catro mesas do sábado 7 de outubro completarán o programa. As relacións entre pedagoxía, ciencia e poesía centrarán as reflexións de Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa, ao coidado de Mercedes Queixas. Ramiro Torres dirixirás as discusións sobre tradución que xuntará María Reimóndez, Raúl Goméz Pato e Tiago Alves.

A crítica tamén será obxecto de controversias ou acordos da man de Chus Nogueira, Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira. Pechará Nós tamén navegar un debate co epígrafe Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades e do que farán parte, coa coordinación de Carlos Negro, Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra.

Comentarios