Máis de medio cento de actividades para unha ducia de Cans

O Festival de Cans chega a súa ducia sen parar de se renovar. Un novo programa con moito cine, unha ampla proposta musical, novas iniciativas e toda a veciñanza xa en acción para que do 20 ao 23 de maio, a aldea máis cinematográfica do país sexa “invadida” polo mundo do audiovisual. 

cans

Unha ducia de ovos, como recén saídos do galiñeiro, son a imaxe do cartaz do XII Festival de Cans que se desenvolverá do 20 ao 23 de maio nunha aldea no que os chimpíns están xa a punto para non parar de circular durante os tres días nos que se converten na capital do audiovisual galego. Nesta edición, inauguran seccións e espazos como os Concertos na Placa, o Muro dos Chimpíns ou o programa infantil “MiniCans”. 

Desta volta, Cans continúa cos seus sinais de identidade e coa oferta dun programa con máis de medio cento de actividades no que non faltan as novidades, entre elas, un gorentoso programa infantil para que o grupo de “fieis” ao festival aumente e cada vez con menor idade. Para coñecer o Festival máis rural do audiovisual compre familiarizarse co seu vocabulario, distinguir o torreiro dos galiñeiros, montar en chimpín,  moverse con soltura por carreiros e corredoiras e posuír unha chisca de “aglogamour” mais, neste último caso, de non ter, Cans é bo sitio para conseguilo. 

José Luís Cuerda, director con estrela

Moitas propostas e tamén nomes coñecidos nesta nova edición na que José Luís Cuerda protagoniza o coloquio na Leira de Alicia e colocará unha das novas estrelas no Torreiro, canda Javier Gutiérrez, gañador do Premio Pedigree´15. Non será xa, a partir deste ano, o único “paseo da fama” de Cans xa que a organización inaugurará o Muro dos Chimpíns, co finde que os Premios Pepe Puime quedan tamén inmortalizados na aldea. O veciño Juan Rivas será de quen quede pegada no primeiro deles. 

Máis novidades? Pois o MiniCans, un programa con proxeccións e actividades para a cativada, os Concertos na Placa, que nesta primeira volta terá como protagonista a Luar na Lubre ou a nova sección “Rebobinado” á que chegará A Esmorga da man de Ignacio Vilar, Antonio Durán Morris e Miguel de Lira. Festival de Cans

A concurso irán 19 curtas e 20 clips finalistas que participarán na sección oficial e que formarán parte tamén do programa de Cans no que se proxectará a  longametraxe “A cambio de nada”, de Daniel Guzmán, premiada no Festival de Málaga, estrearase o filme Meigallos, de Virginia Curiá, ; e o documental Torre de Breoghán, de Jorge Coira, precederá o concerto de Luar na Lubre no festival.

As mans da veciñanza

"Competirán polo Can de Pedra vellos amigos de Cans como Ángel Manzano e tamén haberá tempo de descubrir novos e prometedores realizadores/as como Carlos Martínez-Peñalver Mas ou Alejandra Sotelo", sinalou o director do festival Alfonso Pato. "Veremos as primeiras imaxes das primeiras longas de cineastas que amosaron as súas curtas en anteriores edicións de Cans",engadiu, "como Dani de la Torre ou Simón Casal. Tamén haberá gratos descubrimentos cruzados polo vaivén do éxodo, como o vigués afincado en Londres Pablo Romero - Fresco ou o chileno afincado en Vigo Cristóbal Arteaga".As entradas do festival están xa á venda e as indicacións pódense atopar na súa páxina web. 

“Sen os veciños isto non é posible”, destacou a presidenta de Arela, Keka Losada, organizadora do Festival nunha intervención na que se emocionou ao contar ao lle ir a dar o pésame a familia de Carme, unha veciña colaboradora falecida a pasada semana, o fillo e o neto dixéronlle que contara coa súa casa porque  era ese o desexo da avoa. 

Comentarios