domingo 25/10/20

Máis dunha vintena de artistas da Galiza crúzanse no festival audiovisual Intersección

A terceira edición decorrerá entre o 28 de outubro e o 1 de novembro na Coruña.
Segunda edición do festival de arte audiovisual Intersección na Coruña (Imaxe: Fundación Luís Seoane).
Segunda edición do festival de arte audiovisual Intersección na Coruña (Imaxe: Fundación Luís Seoane).

Unha radiografía da arte audiovisual galega e internacional, con obras nas que a cámara dialoga con outras representacións artísticas como a pintura ou a escultura e que inclúe outras expresións como a performance. Baixo esa premisa nace o festival Intersección, dirixido por Diego E. Veloso, que terá lugar do 28 de outubro ao 1 de novembro entre a Fundación Luís Seoane e o espazo Normal da Universidade da Coruña na cidade herculina.

A programación galega volve gañar máis espazo coas proxeccións de máis dunha vintena de artistas do país ao carón de autoras e autores de Portugal ou Croacia. O festival dividirase en tres seccións; Galiza, Contemporánea e Escola ás que se suman tres focos concretos, o da portuguesa Tatiana Macedo, o de Juan Lesta e Belén Montero, do colectivo DSK, e mais unha retrospectiva de pezas croatas.

Na Galiza amosaranse as creacións de once artistas galegas, peneiradas no momento pospandemia. O criterio, segundo as propias programadoras, foi o da diversidade, representada por David Fidalgo, Alberte Pagán, Judith Adataberna, Berio Molina e Alexandre Cancelo, Edu Fernández, Iria Vázquez, Olaia Sendón, Acacia Ojea, Santiago Teijelo e Diego Santomén.

Contemporánea nace da man da colaboración con cinco galerías de arte contemporánea, que escollen as obras que as representan. Entre elas chegan as voces galegas de Lois Patiño e o seu filme Sol Vermello. A el súmanse as creacións de David Catá, Rubén Santiago, Sandra Carvalho e Felipe Ortega e mais Manuel Saiz. 

Novas voces

‘Escolas: paraísos’, en referencia aos paraísos artificiais do poeta francés Charles Baudelaire, foi a premisa da terceira sección. Da convocatoria lanzada con esta temática foi escollida unha mostra que reúne as creacións de novas voces como Antía Carreira, Ana Chamizo e Miguel García, Pablo Aguilar, Paula Zamora, Ana Harrison, Emma Diarte, Malina Moncea, María Vérez, Mateo Villalustre, Mihai Bulai e Noemí Comesaña. Esta terceira sección vai máis alá do audivisual, englobando pezas de fotografía ou escultura.

Ademais, o festival contará coas performances de Akazie e Rusinha e actividades profesionais. Entre elas, as aulas maxistrais e mais encontros nos que participan artistas invitadas e asociacións como A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas da Galiza), AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización). 
 

comentarios