Máis dun cento de fotos de Català-Roca

Imaxes da Galiza en transformación

Entre 1956 e 1976, Galiza incorporouse a unha certa modernidade. A que traía canda si, baixo o xugo ditatorial, a apertura ao turismo e a integración na dinámicas do capitalismo occidental. A esta realidade acceden as 120 fotografías que conforman a mostra Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia. 1956-1976, comisariada por Anxo Rabuñal.

català-roca 1
photo_camera O Burgo das Nacións, en Compostela, segundo Català-Roca.

Organizada en tras grandes bloques -traballo, festa, turismo-, a exposición verase no Auditorio de Galiza en Compostela a partir do vindeiro 9 de maio. Despois instalarase no Quiosco Alfonso da Coruña. “É o resultado dunha longa investigación no fondo Francesc Català-Roca, que consta de máis de 200.000 negativos e atópase depositado no Colexio de Arquitectos de Catalunya”, explica Rabuñal.

Non é a primeira incursión do comisario nese tesouro fotográfico. En 2015 editou, co selo Novaniké e a contribución do Museo do Pobo Galego e do gremio de arquitectos catalán, o catálogo Català-Roca en Compostela. 1956-1965. “Desta volta recollemos moitas máis fotos, sobre todo de traballo, e que abranxen todo o país”, indica. Rabuñal localizou no fondo 1.300 impresións “de tema galego, a maior parte inéditas”, colleitadas en sete campañas e outras viaxes a maiores.

català-roca 2

Català-Roca (Tarragona, 1922 – Baercelona, 1998) percorreu 29 vilas e centos de aldeas. Asesorouno en non poucas ocasións Álvaro Cunqueiro. Comisionado pola Dirección Xeral de Turismo de Fraga Iribarne, o seu labor  consistía, a dicir de Anxo Rabuñal, “en crear unha nova imaxe de Galiza. Máis luminosa e cotiá”. Era unha época de transición, en que o Estado franquista deixaba atrás a autarquía e a tecnocracia do Opus tomaba o mando.

“Fraga Iribarne dirixiu aquela colosal campaña de propaganda”, relata, “como xa fixera en 1964 cos 25 Años de Paz. Ao ano seguinte foi o primeiro Ano Santo turístico e no 66, o referendo para a Lei Orgánica do Estado”. O fascismo de Franco procuraba ampliar a súa lexitimidade, dentro e fóra de fronteiras, e recurrira a un experto en comunicación. Tratábase do mesmo Fraga que traballara na xustificación do fusilamento do comunista Julián Grimau.

“Nos anos 60, a ditadura crea o mundo en que aínda nos movemos. E Fraga é o guía desa ruptura”, sinala Rabuñal. E ese é o mundo que rexistra a cámara de Català-Roca. “Outros fotógrafos tamén traballaron nesa época, pero as súas fotos son de autoridades, de momentos históricos”, engade, “Català-Roca, porén, preferiu a dignidade do cotiá. Fotografou oleiros, pescadores, lavandeiras, que non eran motivos máis ca na etnografía”.

català-roca 3

Ou unha serie de imaxes, entre as preferidas do comisario, sobre a construción do Burgo das Nacións, en Compostela. “Aparece unha imaxe futurista, como de Solaris [filme de Andrei Tarkovski] ou Odisea no espazo [filme de Stanley Kubrick]”, abráiase. Porque Català-Roca capta un país en transformación con ferramentas de vangarda. Explícao Joan Fontcuberta: “O conflito entre forma e contido, entre experimentación e testemuña, quedou obsoleto en parte grazas a el”.

“Non é un fotógrafo peor ca Cartier-Bresson”, opina Rabuñal. Pon como exemplo da síntese entre documento e linguaxe de avangarda unha foto da Fonte dos Cabalos, na praza compostelá de Praterías: “Ese contrapicado é un documento, si, pero expresado cunha linguaxe avanzada”.

A idea de país que transmiten os negativos de Català-Roca racha con estereotipos e lugares comúns. “Ate as súas fotografías, Galiza era a etnografía de Ruth Matilda Anderson ou o mundo cursi de Ksado, a súa 'Galiza inefábel', que segue a usar a publicidade institucional”. Visto hoxe, engade Rabuñal a xeito de conclusión, o seu traballo “incita ao coñecemento”. “É un instrumento para pensar o país, non un mero pracer estético, para reflexionarmos sobre quen somos e onde estamos”, di.

Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia. 1956-1976 é unha coprodución dos concellos de Compostela e da Coruña.

Nota: fotos de Francesc Català-Roca en Compostela.

Comentarios