Máis discos para o Nadal: Xan Campos e Os Carunchos

Chegan máis discos para o Nadal: pola banda do tradicional, ademais dos novos traballos de Ialma e Radio Cos, Os Carunchos presentan o seu sexto disco, 'Cantares'. E pola banda do jazz, Xan Campos trae 'ESD'.

ESD Copenhague2
photo_camera O cuarteto de Xan Campos (o segundo pola esquerda), en Copenhague

Mañá mércores preséntase no Aturuxo de Bueu 'ESD', o novo traballo do pianista e compositor de jazz, Xan Campos, froito da súa experimentación con teclados con efectos e sintetizadores. Este disco marca unha notoria diferencia cos seus anteriores proxectos ('Ida e Volta', 2007; 'Orixe Cero', 2011; 'Ectropía', 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz-rock e á psicodelia dos anos 70. 

Xan Campos é un dos pianistas de jazz máis recoñecidos do panorama musical actual, pero nesta ocasión decide deixar a un lado o seu instrumento, o piano acústico, para explorar novos sons cun resultado transgresor e moi orixinal. "Este traballo nace da curiosidade por outros instrumentos e por outras posibilidades tímbricas. O jazz non é un estilo musical, é unha forma de entender a música, e aí ábrense as portas a moitas novas experiencias", explica el mesmo.

Máis aló das reminiscencias ao jazz-rock dos 70, o disco non pretende unha volta ao pasado, senón "explorar outras ferramentas para plasmar a nosa personalidade musical, que ten moito de jazz, pero tamén doutros estilos". Neste proxecto Xan Campos aposta por un cuarteto sen baixo, pero con dúas guitarras, Virxilio Da Silva e Wilfried Wilde; batería, Iago Fernández, e o propio Xan nos teclados. 

Sexto disco d'Os Carunchos

oscarunchos

O sexto disco d'Os Carunchos, 'Cantares', preséntase en directo o vindeiro día 30 de novembro en Gondomar, no centro cultural de Vincios. Logo de 22 anos de andaina, dan a coñece estes 17 novos temas nos que "coma sempre, móvenos a necesidade primaria de facer e compartir música galega para o baile e a festa, así como ofrecer a nosa pequena achega ao repertorio gaiteiro. Melodías cantadas ao redor (unha vez máis) da poesía popular, de letras propias e, máis que nunca, nadas da necesidade de musicar aos poetas. Rosalía, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana, Manolo Pipas e Carlos Fontes están presentes en temas pendurados dos fíos trenzados da nosa tradición musical. Quere ser humilde resposta, o pago ao inmenso amor á nosa cultura e lingua que estes  e outros autores espallan en poemas".