A Plataforma das Artes Escénicas asume pasar a noite "sen comida nin bebida" no Gaiás ante o silencio do conselleiro

En asemblea e por maioría, os profesionais das artes vivas deciden manter a ocupación pola noite. A Policía segue presente e advirte que non deixarán entrar a ninguén que abandone o local. Os manifestantes prepáranse para durmir esta noite sen alimentos e vixiados pola policía.
Dentro do Gaiás
photo_camera Dentro do Gaiás

En asemblea e por maioría. Os membros do colectivo que están a ocupar a sede da Agadic, situada no Arquivo da Cidade da Cultura, decidiron pasar esta noite dentro das citadas instalacións. A policía asegurou que non habería desaloxo, pero advertiu que ninguén máis poderá entrar no local e todo aquel que saia non volverá acceder. Os manifestantes fan un chamamento aos compañeiros de oficio que están fóra para que lles intentan traer comida e bebida, xa que non teñen alimentos para pasar a noite. Mesmo algún membro da seguridade da Cidade da Cultura quixo negar o acceso aos baños do edificio ante o abraio dos asistentes. Finalmente tal negativa -tan bizarra, sexa dito de paso- quedou en nada. Ducias de membros do sector prepáranse a tal hora para pasar a noite se, finalmente, a policía non toma medidas no asunto e os expulsa.

Polo momento, o compromiso é que nada farán, unicamente limitar o acceso. A Plataforma, ademais, segue a esperar unha chamada da Consellería de Cultura para que, polo menos, marquen unha cita clara e firme co conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, quen segundo as fontes da consellaría -que falaron cos voceiros do colectivo- hoxe non puido atender as diversas chamadas realizadas polos voceiros da plataforma. Os teléfonos, ademais non deixaron de soar, xa que chamaron algúns deputados do BNG e de AGE, que se interesaron por saber como avanzaba o encerro. Ademais, dous deputados de AGE achegáronse ao mediodía á Cidade da Cultura. Deste xeito, as reivindicacións do sector agudízanse e buscan maior visibilización. "Nós non queremos quedar acó, mais queremos un compromiso firme, polo menos de reunión", reclamaron varios membros da Plataforma. Varios voceiros da mesma están a manter conversas telefónicas coa consellaría de Cultura. Dende o departamento dirixido por Jesús Vázquez, aseguran que tal cita se celebrará, porén, non dan unha data fixa. "Din que están chamar ao conselleiro, que non está localizábel", asegura Salvador del Río, un dos membros da plataforma que se comunica coa consellaría. Os manifestantes din que até que dean unha data firme, non abandonarán o Gaiás. E a policía, pola súa banda, presiona para que marchen.

"A Plataforma segue a esperar unha chamada da Consellería de Cultura para que, polo menos, marquen unha cita clara e firme co conselleiro de Cultura e Educación"

Do Salón Teatro ao Parlamento. E do Parlamento á Cidade da Cultura. Este é a viaxe que está a realizar a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais dende que o pasado 28 de xaneiro o colectivo decidise levar a cabo mobilizacións de maior contundencia para visibilizar as súas reivindicacións. Se a principios de mes, os membros da plataforma ocuparon por sorpresa o Salón Teatro e a semana pasada manifestáronse ás portas do Parlamento, hoxe un nutrido grupo do citado colectivo -máis de setenta persoas- decidiu ocupar a sede da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Gaiás. A media mañá presentáronse máis de setenta profesionais do sector nas oficinas do organismo para protestar, máis unha vez, pola actitude da Consellería de Cultura e Educación que, dende o punto de vista dos manifestantes, está a afogar as artes vivas do país. Os membros da Plataforma non teñen intención de abandonar o complexo de Peter Eisenman até que así o decidan en asemblea.

Polo momento, os participantes desta iniciativa están a entregar no rexistro central unha petición oficial para se reunir co conselleiro de Cultura e para que consten as súas reclamacións. E estanno a facer de dous en dous, agardando nunha longa ringleira e ante a atenta mirada de axentes da policía, xa que as medidas de seguridade non o deixan facer doutro xeito. Tamén está presente a presidenta da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz Loroño. Deste xeito, as reivindicacións están a subir de ton e non se descarte que vaian a máis en próximos actos ou directamente hoxe, no propio Gaiás. Será a asemblea a que decida que medidas seguir a partir de agora. Talvez as gañas non faltan para ir máis alá. Probablemente, motivos sobran.

"Desmantelamento da cultura NON". Ese lema é o que resume os motivos dunha Plataforma das Artes Escénicas que, dende que se presentou en sociedade o pasado mes de marzo coincidindo co Día Mundial do Teatro, vén aglutinando un bon número de asociacións profesionais das artes vivas. Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAG), Asociación de Ilusionistas, Asociación Galega de Músicos ao Vivo ou a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia só son algunhas das catorce entidades reunidas nunha Plataforma que representa o malestar e a preocupación dunhas disciplinas artísticas que ollan perigar o seu futuro. Un futuro escuro que podería deixar a moitos profesionais sen emprego e os cidadáns, sen acceso a diferentes manifestacións artísticas. A crise está sendo severa para un gremio que ve con indignación a "paralización" e o "desleixo" dos responsábeis da política cultural do Goberno autonómico.

"A crise está sendo severa para un gremio que ve con indignación a "paralización" e o "desleixo" dos responsábeis da política cultural"

Un desleixo que se manifesta en primeira instancia, segundo os voceiros da Plataforma, na nula disposición ao diálogo do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Certo é que o pasado 12 de febreiro Anxo Lorenzo, na compaña de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG), convocou a Plataforma a unha "reunión de traballo". A Plataforma acudiu ao convite, mais saiu decepcionada unha vez máis e asegurou que a actitude seguía a ser de "desleixo". Ademais, o colectivo escénico emitiu un comunicado no que se denunciaba que a Agadic perdería o 45% do seu orzamento e que a Xunta non garantía o futuro de vías de distribución como a Rede de Música ao Vivo.

Un día despois desa reunión, produciuse dunha ruptura aínda máis evidente das vías de comunicación. Ese novo síntoma da falta de sintonía tivo lugar en sede parlamentaria, cando Jesús Vázquez respondeu unha pregunta sobre a situación das redes de distribución a instancias da deputada do BNG Ana Pontón. A ollos dos profesionais do sector, Vázquez eludiu a cuestión e marchou sen esclarecer ante o pleno ningunha medida ao respecto. Tal situación encirrou os ánimos de varios representantes da plataforma, que acabaron expulsados pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, quen empregou xa o novo regulamento de control de acceso do público ás sesións. Producíase, deste xeito, unha nova mostra das dificultades de diálogo entre a administración e o sector.

A distribución e Agadic

Alén de denunciar actitudes e xestións, a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais queren esixir con actos como a toma da Agadic unha serie de medidas que garantan a estabilidade do sector. Unha delas e a máis reclamada nos últimos tempos é a elaboración dun plan estratéxico. “Máis alá de recortes e de diñeiro, queremos que se marquen obxectivos, que haxa prioridades claras. Non hai un plan nin estratexia”, denunciou en máis dunha ocasión Salvador del Río, presidente de Escena Galega e un dos habituais voceiros do colectivo. Nese senso, as artes escénicas queren que se tracexen unhas liñas mestras cara ao futuro, unha sorte de plan semellante ao que se foi marcando na época do bipartito, mais adaptado as circunstancias actuais. E, por suposto, elaborado tendo en conta as opinións do sector.

"As artes escénicas queren que se tracexen unhas liñas mestras cara ao futuro, unha sorte de plan semellante ao que se foi marcando na época do bipartito"

Unha esixencia e, probabelmente unha das máis prioritarias, é a posta en marcha inmediata das redes de distribución como a Rede de Música ao Vivo e a Rede de Teatros e Auditorios. A tal hora, rozando xa o final de febreiro, as redes están sen convocar para este ano e no sector respírase a preocupación de que teñan a mesma sorte que outras iniciativas institucionais que foron caendo no esquecemento nos últimos tempos. Batallas xa perdidas nese senso foron a programación Camiños de Cultura ou a Feira das Artes Escéncias, cuxa última edición realizouse de forma descafeinada en 2011 e que no 2012 xa nin se cheirou.

Sobre as redes de distribución, a Consellería de Cultura e Educación asegurou a pasada semana, contestando a preguntas de Sermos Galiza, que se está a agardar polos Orzamentos da Xunta para este ano, cuxa lei será aprobada no parlamento a final deste mes. Aseguran as fontes do d

epartamento de Jesús Vázquez que se está traballando nesta dirección e que a Rede de Teatros e Auditorios funcionará este ano. Porén, segundo a Plataforma das Artes Escénicas, a consellería non garante a continuidade nin da Rede de Salas nin da Rede de Salas de Música ao vivo.


Outra cuestión que está na axenda básica dos colectivos aglutinados na Plataforma pasa por encher o baleiro que se respira na Agadic. O organismo está descabezado dende o pasado outubro, momento en que Juan Carlos Fasero liscou da súa dirección para ocupar un cargo máis tranquilo na SGAE de Antón Reixa. Dende a súa marcha, non hai cabezas visíbeis de Industrias Culturais e, polo tanto, o sector perdeu ao seu interlocutor natural. Catro meses de sede vacante parece demasiado. Por estes motivos e outros, polo “desmantelamento da cultura” que denuncian, a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais ocupan hoxe a sede da Agadic nunha escalada das súas reivindicacións e protestas que buscan visibilizar ante a sociedade e diante dos responsábeis da política cultural a situación que atravesan un sector que, en palabras do actor Morris, está a loitar “contra a súa morte invisible”.

Quen teña memoria lembrará que esta non é a primeira vez que os profesionais das artes escénicas empregan a Agadic como epicentro das súas protestas. A primeira vez que se chantaron na axencia foi a comezos de 2011. Naquel momento reclamábase os pagamentos dos bolos pendentes, moitas facturas que se atrasaban de todo o segundo semestre do ano anterior. Os atrasos estaban a afogar as compañías. Dous anos despois, regresan a Agadic, agora situada no Gaiás. Todo parece un déja vu, todo semella moi parecido. As mesmas sensacións, protestas semellantes... Todo igual. Agás por unha diferenza: todo parece ir a peor.

Comentarios