Máis de 8.000 espectadoras

O Festival Atlántica de narración oral fecha unha edición “de récord”

A sétima edición do Festival Atlántica de narración oral fechou a pasada fin de semana cun récord de asistencia. Segundo as cifras da organización, máis de 8.000 espectadoras asistiron a algunha das 87 funcións, ofrecidas por 30 artistas, ao longo de 12 xornadas por toda Galiza.
 

Marmuradores-en-Santiago_baixa
photo_camera Marmuradores do Festival Atlántica 2019 en Compostela. Foto: Atlántica.

“Esta edición foi a da consolidación pero tamén a da apertura de novos espazos e propostas e, por tanto, do achegamento de novos públicos”, explica a directora do “encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica”, Soledad Felloza.

O Atlántica é literalmente un festival para todos os públicos, de bebés a persoas maiores, “con espectáculos de formatos novidosos e en lugares diferentes”. Interiores e exteriores, contadas nos parques rodeados de cans ou en plena rúa “para agasallar con historias no ouvido aos transeúntes”. Teatros, blbliotecas, bares, centros cívicos, librarías, tabernas, rúas, escolas, parques e cemiterios serviron de escenario.

“A ambiciosa programación desta edición foi posíbel grazas á colaboración das institucións e o apoio público”, sinala Felloza, quen agradece ademais “a implicación dos locais que colaboraron no encontro e a xenerosidade e entrega dos artistas”. A Cornamusa de Honra do Atlántica 2019 recaeu no grupo de pandeireteiras Leilía -que fai 30 anos-, protagonista da gala inaugural.

Comentarios