Máis de 500 proxectos optan aos I Premios Galegos da Música Martín Códax

Máis de 500 proxectos sométense ao tempo de votación no que socios e socias de Músicos ao Vivo escollerán até o 10 de novembro quen gañará as distintas categorías dos seus primeiros galardóns. Como “espectacular” valora a organización o resultado da convocatoria que ofrece na súa web a máis ampla plataforma de grupos musicais do país. 

Concerto no Teucro de 15bolos
photo_camera Concerto no Teucro de 15bolos

Que 521 proxectos se teñan presentado aos I Premios Galegos da Música Martín Códax dá idea da efervescencia en cada un dos xéneros que existen neste país de músicas. Segundo a organización, a convocatoria converte á propia web www.premiosgalegosdamusica.com na “plataforma de música galega máis completa nestes momentos, mesmo a pesares das ausencias”. Na web pódense consultar as fichas de todos os proxectos presentados.

A valoración? Se as inscricións poden ser un barómetro da situación, desde Músicos ao Vivo entenden que temos un país de “rockeiros e popeiros, onde tamén se fan moitas músicas do mundo, bastante jazz e non pouca música contemporánea; ademais, por suposto das que podemos considerar músicas de raíz galega como a folque ou a tradicional”. Como sorpresas sinalan o medre da música infantil e os proxectos de metal, contemporánea, electrónica e hiphop. 

Por categorías e número de inscricións, a convocatoria quedaría en: 

Pop e Indie: 81
Rock, Blues, Funk e Soul: 97
Jazz e Músicas Improvisadas: 38
Hiphop e Músicas Urbanas: 26
Música Clásica/ Contemporánea: 29
Folque: 44
Música Tradicional Galega: 28
Música do Mundo: 62
Música Infantil: 17
Electrónica: 36
Metal: 29
Reggae, Ska e Mestizaxe: 18
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: 16

A rolda de votacións comezará por seleccionar tres finalistas en cada categoría dos que logo sairán as propostas gañadoras. Os finalistas daranse a coñecer o 15 de novembro nunha festa nas Bodegas Martín Códax e os premios se entregarán o 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

O obxectivo da convocatoria é botar luz e promover os distintos proxectos musicais que agroman polo país, en total serán 39 en 13 categorías as iniciativas destacadas do panorama musical que se mostra xeneroso. 

Peri, premiado por unanimidade 

O primeiro Premio Honorífico MAV recaeu por unanimidade en Antonio Cruz Arévalo, “Peri”, un batería de máis de setenta anos que xa nos fins dos anos cincuenta promovía estudios, ensaios, xiras ou gravacións e “sempre tivo as portas abertas ao resto dos músicos, foran de onde foran e viñeran de onde viñeran”. 

Comentarios