“É fermoso que a cidadanía estea atenta a que os medios de comunicación públicos cumprean o seu papel”, explicou o escritor e músico Xurxo Souto, quen criticou a supresión do programa dirixido por Ana Romaní e con 28 anos de historia e tamén os plans da CRTVG para suprimir as desconexións locais dos informativos.
Souto anunciou que os promotores da declaración se entrevistarán cos grupos políticos e que, a non tardar, solitarán unha xuntanza coa dirección do ente público. Agradeceu, ademais, que a plataforma Queremos Galego -que convocan a mainifestación en defensa da lingua do 17 de maio- incluíse entre as súas reivindicacións o mantemento na programación da radio do Diario Cultural.
Por Queremos Galego falou Luís Pérez Barral. Celebrou que os tres milleiros de sinaturas amosen que “a xente está concienciada e preocupada polo medios de comunicación públicos e pola lingua”. Lembrou outros espazos de Radio Galega dedicados á cultura e eliminados pola dirección da compañía, como Planeta Furancho, Eirado ou Alalá.
A catedrática da facultade de Ciencias da Comunicación Margarita Ledo tamén interveu na comparecencia de prensa. Fíxoo para reivindicar a habilitación de consellos de redacción dentro dos medios de comunicación -“deberían participar nas modificacións estruturais”- e dun consello audiovisual que faga as veces de autoridade independente na materia.