Máis de 200 filmes para festexar os 30 anos de Cineuropa

Trinta anos e 213 filmes para disfrutar do 8 ao 27 de novembro, no que é o festival de cinema máis popular do país. Un deles é 'Mimosas', do galego Oliver Laxe, dentro da Sección Oficial. 

RP Cineuropa_2
photo_camera Presentación de Cineuropa esta mañá

O festival de cine Cineuropa celebra neste 2016 a súa triséxima edición do 8 ao 27 de novembro. Nela, poderemos ver un total de 213 filmes dos cales 30 competirán na Sección Oficial polo Premio do Público.  Este ano, ademais, o festival entregará tres Premios: un especial ao cineasta Carlos Saura e outros dous galardóns á actriz Lola Dueñas e ao exdirector da Filmoteca Española, José María Prado.

Máis de 15 seccións, coloquios con cineastas, encontros co público, clases maxistrais… completan unha edición de celebración na que o festival chega aos 30 anos. As actividades celebraranse no Teatro Principal, Salón Teatro, Centro Galego de Arte Contemporáneo, Afundación, Auditorio de Galicia e este ano tamén, como novidade, no Numax. A programación completa pode consultarse xa en cineuropa.gal e as entradas e abonos estarán á venta a partir do luns 7. O festival inaugurarase o martes 8 no Teatro Principal ás 20.30 h co filme ‘El ciudadano ilustre’, premio ao mellor actor en Venecia e Espiga de Prata na Seminci de Valladolid.

30 filmes na Sección Oficial

Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, Joao Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu e Alain Guiraudie, son os principais nomes propios dun cartel de luxo polo que pasarán os grandes autores europeos en liza. A isto, temos que engadir outros dous nomes destacados na Sección Oficial: o galego Oliver Laxe e o catalán Albert Serra. Son os dous premios Cineuropa mais novos e acompañarannos de novo na cidade para presentar as súas novas fitas tras o seu paso por Cannes. Oliver Laxe estreará en Galiza ‘Mimosas’, gañadora no festival francés da Semana da Crítica, e Albert Serra amosaranos o seu ‘La mort de Luis XIV’. 

Panorama Internacional

Na sección Panorama Internacional estrearanse os novos filmes do norteamericano Paul Schrader, e terán aos coreanos Park Chan-wook e Hong-Sang Soo, ao iraniano Asghar Farhadi e o brasileiro Klever Mendonça. Ademais, inclúese nesta sección dous dos filmes máis controvertidos da temporada: ‘The Neon Demon’ de Nicolas Winding Refn e a adaptación do relato de Javier Marías ‘Mientras ellas duermen’ por Wayne Wang.

As seccións deste ano serán, ademais da Sección Oficial e o Panorama Internacional, Fantastique Compostela; Docs Cineuropa; Docs-Music: a invasión británica dos 60; Latido Americano; Cine e Tupamaros: da loita armada á presidencia; vinte aniversario dos premios María Casares; O Polar: a idade de xeo do cinema negro francés; Das musas ao teatro: cinema sen apuntador; Marcello, vinte anos despois; Cinefilias: Cult Movies; Panorama Audiovisual Galego; Premios Cineuropa; Programa especial RFG; Maratón; Curtas; Cinema en Curso; e Actividades Paralelas.

Dentro delas podemos destacar a presenza de cineastas que asistirán a Cineuropa para presentar ao publico as súas fitas: a francesa Pascale Breton, o arxentino Eugenio Canevari e os españois Alberto Morais e Adolfo Dufour. Destaca dentro do programa un extenso ciclo dedicado ao polar, ‘O Polar; a idade de xeo do cine francés’, que revela como a maior parte do cine negro francés permanece sorprendentemente inédito no Estado español, baixo o peso da ditadura franquista que o consideraba anormal. Tamén destacamos o ciclo ‘Tupamaros: da loita armada á presidencia’ que analiza o máis descoñecido dos movementos de Resistencia e represión das ditaduras do Cono Sur e estrea no Estado filmes como ‘Tupamaros’ ou ‘Mujica, el presidente’. E no ciclo ‘Latido americano’ estrearase na Penínsul traballos como o documental ‘Ayotzinapa. Crónica de un crimen de estado’.