Máis de 20.000 persoas confirman o fito histórico de “A Esmorga”

Máis de 20.000 persoas viron xa A Esmorga desde a súa estrea o día 21 de novembro. A película de Ignacio Vilar que leva ao cine a novela de Blanco Amor consolida a súa marca histórica no cinema galego e abre as salas de fóra de Galiza. 

A esmorga
photo_camera A esmorga

Con máis de 20.000 espectadores e espectadoras desde que foi estreada o pasado 21 de novembro, a película A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar confirma o seu fito histórico e continúa a se manter na carteleira en competición coas grandes estreas das superproducións estadounidenses. 

A produtora da película, Vía Láctea, está a difundir as cifras de Rentrak Spain, entidade que valora como “verdadeiramente excepcionais” os datos de recadación do filme ao se tratar dunha produción independente e en galego. Compre lembrar que de A Esmorga só se distribuíron 18 copias en territorio galego. 

Vigo con 4.155 espectadores e espectadoras vai na cabeza dunha lista na que lle sigue A Coruña con 3.265, Santiago de Compostela con 3.171 e Ourense, escenario do filme, con 3.036 persoas de público. En Santiago o éxito do filme levo a que Cinesa trasladara o filme á sala máis grande do Centro Comercial As Cancelas, o que nin se valorara nas negociacións previas. Do éxito da película nas salas galegas depende a distribución no resto das salas do estado mais, polos datos, adivíñase que A Esmorga terá unha ampla estrea tamén fóra de territorio galego. 

Comentarios