Máis de 1.300 persoas gozan con ‘Os Miserábeis’ do IES Illa de Ons

As representacións en Cangas e Bueu poderían estenderse a outras vilas.

miserabeis

Máis de 1.300 persoas puideron gozar e vibrar nestes días coa representación de ‘Os Miserábeis’ de Vítor Hugo da man do alumnado do IES Illa de Ons. En Cangas e Bueu (por partida dobre), a novela épica na que se aborda o ben e o mal, a guerra, a revolución ou a lealdade tomou forma como obra de teatro, nunha nova lectura, actual e feminista, da obra senlleira de Vítor Hugo. Sobre as táboas: Jean Valjean (interpretado por Darío Camiña), o Inspector Javert ​(Óscar Rodríguez, Fantine ​(Teresa C. Bernárdez) Cosette ​(Alba Louzao), tamén unha líder revolucionaria ​(Alejandra Louzao)​, Enjolras ​(Manuel Estévez) e Gavroche (Sara Esperante)​.

“Debido á boa acollida por parte do público estase a formular unha xira por distintos auditorios da Galiza, tales coma Teatro Principal de Pontevedra ou a Praza Massó de Bueu”, indican a través dun comunicado as propias responsábeis da representación. “Estes días os ensaios están a ser intensivos para matizar algunhas escenas. Por outra banda a repercusión que está a ter tanto en redes sociais coma nos medios de comunicación supera as expectativas do alumnado e do profesorado implicado neste proxecto pedagóxico”.

Porque a representación de ‘Os Miserábeis’ é, no inicio e no fondo, iso, un proxecto pedagóxico, unha “revisión contemporánea e feminista” deste clásico. “O traballo non só consistiu en mellorar as súas habilidades no teatro, senón que tamén se dedicaron a investigar sobre as proclamas revolucionarias da época, a coñecer as enfermidades ás que se tiveron que enfrontar, os personaxes importantes deste período, etc. Desta forma, aprenderon o sucedido desta etapa, así mesmo comprenderon o que foi subsistir neses tempos, a través dos seus personaxes”, explicaban nun comunicado desde o centro educativo.

Comentarios