domingo 19.01.2020
Felipe Arias Varela, arqueólogo e museólogo

"A maior parte dos torques de ouro da Península concéntranse na Galiza"

Felipe Arias Varela, quen fora director do Museo Provincial de Lugo, é unha das persoas que conta cun coñecemento máis profundo da colección de Álvaro Xil. Arqueólogo e museólogo, Felipe Arias ilústranos a respeito do conxunto de pezas de ourivaría máis significativas da Galiza.

Felipe Arias Varela
Felipe Arias Varela

Que destacaría da colección de ourivaría do fondo Xil Varela depositada no Museo de Lugo?

Son moitos os valores a destacar. Ten valores patrimoniais moi diversos. Ten un valor intrínseco, innegábel e indiscutíbel, polo feito de ser unha colección de ourivaría, áurea, pero ademais diso, ten un valor simbólico importante e identitario. A maior parte das pezas son de procedencia galega, aínda que xa sabemos que nestes casos é unha procedencia pouco clara, porque aparecen sen un contexto arqueolóxico definido ou que ás veces está cambiado. Despois estarían os valores históricos, como documento histórico. Ten pezas do Bronce inicial, do medio-final e, sobre todo, da cultura castrexa. E aí dan unha cantidade enorme de información arqueolóxica e histórica. Son pezas moi variadas: pulseiras, torques, pendentes… pezas amorfas ou simple material áureo. Esta información histórica e arqueolóxica non ten equiparación noutras coleccións e noutros “tesouros de ourivaría prerromana” na Península. Tamén hai valores nos que se incide menos, como o valor social en canto a valor educativo, informativo e formativo.

Como di, as pezas que se gardan no fondo Xil Varela achégannos unha valiosa información. Á vista deste legado, que podemos concluír sobre o período castrexo?

A colección Xil Varela certifica a importancia da ourivaría e da súa importancia nunha cultura como a dos castros. Tiñan xa no seu tempo un valor simbólico moi forte. Son pezas que significan poder e riqueza e asócianse algunhas ao uso masculino como símbolo do poder, dos guerreiros, e outros son símbolos femininos cunha gran carga simbólica, identitaria e marcadora mesmo de xénero. A colección Xil Varela, dada a súa variedade e a súa espectacularidade, vén avalar este carácter de información.

Onde temos que situar a orixe destas xoias de ouro, particularmente os torques?

Os torques son moi coñecidos en todo Centroeuropa, Europa Occidental e na Península e non só se vinculan á Idade do Ferro e da cultura céltica, porque en pezas da estatuaria romana aparecen galos e torques. É un tipo de peza moi coñecido e utilizado en ámbitos de séculos moi variados porque o que teñen de particular as pezas áureas é que duran moito tempo. Así, os torques vanse transmitindo polo seu propio valor, significación e pola ligazón con antepasados. Vincúlase, como dicía, a guerreiros e a poder. Ademais, temos a particularidade de que a maior parte dos torques de ouro da Península se concentran na Galiza, e iso algo quererá dicir: hai unha riqueza áurea xeolóxica, da minaría de ouro nunha etapa aínda artesanal. A colección Xil Varela, no 90%, procede de Blanco Cicerón e foise facendo ao longo do século XIX e do XX, resgatando pezas de antigüidades, do comercio legal ou ilegal. E iso implica problemas para a investigación. A falta de contexto é unha eiva para o investigador. Case nunca (ou hai moi poucos casos) aparecen as pezas de ourivaría aparecen nunha escavación determinada. O máis normal e que fosen aparecendo ao longo do tempo e circulasen de xeito incontrolado até que Blanco Cicerón consegue facerse cunha colección.

"A singularidade probabelmente estea no conxunto que forman, na abundancia e na concentración que se produce na Galiza"

Que elementos diferenciais atopamos nos torques na antiga Gallaecia con outros territorios europeos?

Algúns torques son moi similares ao doutros lugares. Os tipos decorativos e as formas son similares e hai pezas en Francia moi semellantes. Aí non esta tanto a singularidade. A singularidade probabelmente estea no conxunto que forman, na abundancia e na concentración que se produce na Galiza. Tamén hai que apuntar que as de Xil Varela non son as únicas pezas de ourivaría prerromana que hai na Galiza. Si forman parte da mellor colección, pero hai pezas aparecidas en momentos diferentes que están en distintos museos ou coleccións particulares e hai que coidalas e asumilas como patrimonio que son.

Que muda coa romanización na explotación do ouro en relación coa época castrexa?

Practicamente todo, primeiro a finalidade. O Imperio Romano empeza a explotar os primeiros filóns áureos co fin de acuñar moeda, para gastos luxosos das xerarquías do imperio, para lle pagar ao Exército… Así, cambia o obxecto da explotación do ouro e a súa “tecnoloxía”. Pasouse de facer pequenas explotacións de pouco alcance, a termos a paisaxes culturais como As Médulas ou as Minas do Courel, que son explotacións a grande escala. Hai tamén un cambio social, porque toda esta explotación mineira dá lugar a que a xente que vive nos castros modifique os seus hábitos de vida e os propios asentamentos.

Como persoa que coñeceu a Álvaro Xil que destacaría da súa personalidade?

Era un mecenas dos que xa non quedan. Hai que pensar que ademais de ser persoa con posíbeis e recursos, foi do Partido Galeguista e pasouno mal. Refrotou a súa vida e saíu adiante, pero non perdeu a paixón polo país e mantivo a condición de galeguista até o final. E iso, a parte do seu tesón e da súa bonhomía. Quería axudar a xente e o seu país. Por iso, cando se retirou a colección do museo no seu día por un problema de titularidade, eu estaba seguro de que a súa idea era que a colección quedara para Galiza. El non comprou a colección para que se fose de Galiza ou se espallase por aí.

Na súa condición de museólogo, é explicábel o Museo de Lugo sen as diversas achegas de Álvaro Xil?

O Museo de Lugo ten unhas estupendas coleccións, aínda que non tivese Xil Varela. É como se dixésemos que o Musée du Louvre ten menos valor se levasen a Venus de Milo. O Museo de Lugo seguiría sendo Museo de Lugo pero sen unha das súas mellores coleccións, que, por certo, necesita unha volta en canto ao sistema expositivo (parece que niso están traballando). Non se pode caer no fetichismo da peza, hai pezas que valorizan moito a entidade, pero non debemos facer dunha peza algo fetiche porque os museos son moi importantes polo seu propio valor histórico e patrimonial. Se hoxe non estiver aí a colección Xil Varela, teriamos que lamentalo, porque ten que estar na Galiza (e mellor en Lugo), pero o Museo de Lugo seguiría tendo unha razón de ser.

"O Carneiro Alado segue a estar aberto á estudos"

Referíase á falta de contexto arqueolóxico definido das pezas. Que sabemos a día de hoxe sobre o Carneiro Alado de Ribadeo?

É unha das pezas máis estrañas, senlleiras e singulares. Sendo eu director do Museo de Lugo, a finais dos 70, Álvaro Xil Varela fíxome entrega do Carneiro Alado que tiña na súa casa. Os dados de aparición eran escuros. “Semella que apareceu ao dragar ría de Ribadeo”, dixera. E despois chegaron outras informacións que apuntan a que Álvaro Xil se fixo con ela a través dun anticuario de Ribadeo, pero que puido vir do mercado de antigüidades de Madrid, París, Barcelona ou Xenebra. É unha peza moi estraña. Parece que se trata dunha ourivaría do Alto Medieval, dos turcos da Alta Idade Media con ramificacións no Centro de Europa. De todos modos, é unha peza moi rara, porque tamén hai que dicir que, cando se deu a coñecer, investigadores de gran prestixio como Antonio Blanco Freijeiro, estudaron a peza e dérona por boa como peza prerromana, pero dados posteriores cambiaron un pouco a idea. Con todo, segue a ser extraordinaria e interesante e aínda está aberta a estudos. O mesmo pasa coa Diadema de Ribadeo, aínda que non pertence á colección Xil Varela (está despezada en varios anacos (parte en Madrid, parte en París…). A diadema adxudicouse á zona dos Oscos, na parte de Moñes (de feito chámase Diadema de Moñes).

[Esta peza foi publicada no A FONDO Álvaro Xil Varela e a colección de ourivaría no Museo de Lugo, no Sermos Galiza 219, á venda na loxa]

comentarios