Un maio de obras escritas galegas imprescindíbeis

O mes de maio remata cunha "boa acollida" ao coleccionábel 'Aí ven o maio!', unha selección de 16 obras galegas imprescindíbeis de ler. 
photo_camera Algunhas das capas dos fascículos de 'Aí vén o maio!'. (Foto: Nós Diario)

O coleccionábel "Aí vén o maio!" rematou a pasada sexta feira coa última entrega -unha análise que o profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte facía sobre Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro- das 16 publicacións que afondaban nunha escolma de "libros imprescindíbeis da literatura galega", apunta ao xornal o presidente de Sermos Galiza SA e coordinador desta colección, Xoán Costa, quen engade que "tivo unha moi boa acollida".

Con esta selección de obras, que abrangue desde Cantares gallegos (1863) até Longa noite de pedra (1962), recolleuse un período da literatura galega onde "se viu como se abordaron e se trataron todas as correntes literarias e artísticas que foron aparecendo ao longo dese tempo.

Desde o Rexurdimento con Rosalía, Curros e Pondal; as Vangardas artísticas con Vicente Risco ou Castelao e tendencias máis do século XX como puido ser a poesía de carácter social", explica Costa. 

Todo isto, incluíndo Sempre en Galiza de Castelao (analizado nesta ocasión por Manuel Rei Romeu), "un libro de ensaio político que quixemos incluír nesta selección porque normalmente tende a quedar fóra deste tipo de escolmas, que optan por escoller obras de creación literaria como novelas ou poesía e deixan de lado ensaios como este, que contén fermosísimas pezas literarias adaptadas e construídas para explicar a teoría política", destaca o coordinador.

Co obxectivo de dar a coñecer "este riquísimo patrimonio (que non é habitual que se trate deste modo a través de medios de comunicación impresos de tirada diaria, senón máis ben desde outros ámbitos académicos) quixemos achegar ao público lector de xornais de forma sinxela pero ao mesmo tempo rigorosa, sen perder nada do carácter científico da abordaxe da obra literaria, a experiencia persoal de 16 persoas que son máximas coñecedoras desas publicacións", comenta Costa.

A selección foi "adaptada para os días do mes de maio e poderíamos engadir moitos máis se houbese máis días, pero desde logo dos que están non sobra ningún, porque os 16 son obras imprescindíbeis que toda lectora debe ler ou, en todo caso, reler, xa que son clásicos da literatura galega", sinala o coordinador do coleccionábel de maio.

Comentarios