martes 26/10/21

Un maio de libros cuberto da man de 'Nós Diario'

A partir do 4 de maio os lectores e lectoras de Nós Diario atoparán nos quiosques un novo coleccionábel que lle dá a benvida ao mes das flores e das letras: "Aí vén o maio!" O coñecido verso de Curros Enríquez é o fío que tece as 16 entregas nas que diferentes autores debullarán outros tantos libros esenciais da literatura galega. Unha nova achega para ler e reler.
livros_web
Escolma dalgúns dos títulos que nos convida a revisitar o novo coleccionábel de 'Nós Diario'.

Lonxe das lecturas apresuradas e do consumo compulsivo de libros que fican amoreados á espera do repouso necesario para deixarse guiar polas súas palabras, Nós Diario planeou un mes de maio máis calmo e dedicado a unha escolma de títulos imprescindíbeis da literatura galega.

Dezaseis obras esenciais para "un maio de libros cuberto", recalca Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza e coordinador dunha colección que chegará aos quiosques a partir da terza feira día 4.

Aí vén o maio!

A nova proposta de Nós Diario, dirixida a todos os lectores e lectoras do xornal, quere dar a coñecer ou volver achegar á sociedade galega dezaseis títulos de referencia. "Poderían ser outros, mais estes nunca poderían faltar", precisa Costa, quen avanza 16 entregas asinadas por outras tantas personalidades do mundo da cultura e da literatura galegas nas que cadaquén debullará as particularidades dunha obra.

O traballo de estudo, interpretación e selección de textos orixinais de cada libro escollido estará dispoñíbel de terza a sexta feira entre o 4 e o 28 de maio baixo o epígrafe Aí vén o maio!, un verso que o xornal toma prestado do coñecido poema de Curros Enríquez.

En cada fascículo, de catro páxinas, as lectoras e lectores de Nós Diario atoparán comentarios e reflexións sobre a composición de cada obra, a súa publicación, orixinalidade, transcendencia, compromiso coa lingua, coa realidade social do país; ademais dunha escolma de fragmentos ou poemas que as persoas analistas convidan a reler ou a ler por primeira vez.

Os títulos seleccionados por Nós Diario para o seu novo coleccionábel son libros indispensábeis da literatura galega publicados entre 1863 e 1962.

Dezaseis entregas

Dezaseis obras que durante dezaseis xornadas darán lugar a un percorrido cronolóxico pola historia contemporánea das letras galegas e que vai inaugurar a escritora e profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro cun fascículo dedicado a Cantares gallegos (1863), "un clamor de albedrío nacional".

Detrás desa primeira publicación, o 4 de maio, chegarán outras. O día 5 Celia María Armas García asinará un especial dedicado a Follas Novas (1880), o segundo volume que Rosalía de Castro publica en galego logo de Cantares gallegos

Elisardo López Varela escribirá o 6 de maio sobre Aires da miña terra (1880), "o libro co que Curros chegou a se converter nun dos referentes da nosa literatura clásica e nun símbolo universal". O día 7 collerá o testemuño Manuel Ferreiro Fernández, coa súa aproximación a Queixumes dos pinos (1886) de Eduardo Pondal.

A segunda semana de maio o coleccionábel recibirá as achegas de Francisco Fernández Rei arredor de A terra asoballada (1917), de Ramón Cabanillas; as reflexións de Marga do Val sobre Cousas (1926), de Castelao; Anxo González Guerra, con De catro a catro, de Manuel Antonio (1928) e os comentarios de Olivia Rodríguez González do libro de Vicente Risco O porco de pé (1928).

A seguir, virán outras propostas da man de Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, sobre Arredor de si (1930), de Otero Pedrayo; Manuel Rei Romeu, a propósito de Sempre en Galiza (1944), de Castelao; Xulio López Valcarce, sobre Terra Chá (1954), de Manuel María, e Armando Requeixo, tras a pegada de Merlín e familia (1955), de Álvaro Cunqueiro.

E aínda máis, Olga Novo escribirá sobre Os Eidos (1955), de Uxío Novoneyra; Francisco Rodríguez, ao fío de A esmorga (1959), de Blanco Amor; Mercedes Queixas Zas, sobre Memorias dun neno labrego (1961), de Xosé Neira Vilas, e Xoán Carlos Domínguez Alberte fechará o coleccionábel cos seus apuntamentos sobre Longa noite de pedra (1961), de Celso Emilio Ferreiro.

Este novo coleccionábel distribúese conxuntamente con Nós Diario durante 16 entregas, entre 4 e 28 de maiode 2021. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte canto antes! 

comentarios