Aquí vén o maio
de flores cuberto...,
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
O poema de Manuel Curros Enríquez O maio invoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega vén de xuntar nun proxecto celebrativo este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega.
O resultado é un vídeo musical que mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario.
As intérpretes Pablo Lesuit, Faia Díaz, Narci Rodríguez, Najla Shami, Eladio Santos, Belem Tajes, Nastasia Zürcher, Leo Burke, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra, Su Garrido e High Paw participan neste proxecto desde o confinamento.
O poema vai acompañado dunha música composta por Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra, que tamén se encarga da produción musical. A montaxe do vídeo é de Jairo Moreno.