luns 06.07.2020
Cultura

'O Maio' de Curros Enríquez colle un ritmo novo desde o confinamento

O Consello da Cultura Galega celebra un Primeiro de Maio cheo de excepcionalidade cunha versión musical do poema de Curros Enríquez que conta coas interpretacións de Faia Díaz, Nastasia Zürcher, Brais Morán e Xiana Lastra, entre outras. 
Un momento do vídeo para 'O Maio'.
Un momento do vídeo para 'O Maio'.

Aquí vén o maio
de flores cuberto...,
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

O poema de Manuel Curros Enríquez O maio invoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega vén de xuntar nun proxecto celebrativo este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega.

O resultado é un vídeo musical que mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario. 

As intérpretes Pablo Lesuit, Faia Díaz, Narci Rodríguez, Najla Shami, Eladio Santos, Belem Tajes, Nastasia Zürcher, Leo Burke, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra, Su Garrido e High Paw participan neste proxecto desde o confinamento. 

O poema vai acompañado dunha música composta por Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra, que tamén se encarga da produción musical. A montaxe do vídeo é de Jairo Moreno.

comentarios