"Maimiño", unha ponte de animación entre Galiza e Cuba

O día 8 de maio o galego volverá ás salas de cine comerciais grazas á película Maimiño e o espello máxico, unha coprodución galego-cubana que traslada á animación unha versión libre do Pulgariño de José Martí. 

maimino

Maimiño e o espello máxico leva de novo a nosa lingua ás salas comerciais. Desta volta será por medio dunha película de animación que tende pontes entre Cuba e Galiza e que se fai oco nun ámbito dos filmes infantís no que imperan as grandes produtoras americanas. 

Converteuse na película que máis entradas vendeu en Cuba e agora estréase na Galiza. Maimiño e o espello máxico leva a debuxos animados a versión libre de José Martí do conto Pulgariño. Uxía e Xoán Curiel interpretan os temas de Silvio Rodríguez creados para un filme que é coprodución galega-cubana. Un concurso de karaoke na rede promociona a película. O premio? Unha viaxe á Habana para tres persoas. 

Maimiño chega ás carteleiras galegas despois de terse convertido na película mais vista nos cines de Cuba, triplicando mesmo a marca que até agora tiña Fresa y Chocolate. A película de Ficcións Producións, que chega este 8 de maio ás salas comerciais despois da preestrea no Salón Teatro de Santiago, mantén na rede un concurso musical no que nenos e nenas poden enviar os seus vídeos intepretando un dos tres temas da película e gañar así unha viaxe a Cuba para tres persoas. 

O filme leva á animación a versión libre que José Martí escribiu do conto Pulgariño e conta ademais nas liñas de crédito  con outro dos grandes nomes da cultura cubana. Despois de moitos anos sen ofrecer novos temas, tres cancións de Silvio Rodríguez compostas á mantenta para o filme son un atractivo máis para unha película que se ten que facer oco na distribución nun ámbito dominado polas grandes majors americanas. Mesmo así, Maimiño chegará simultaneamente aos cines de todo o estado con sesenta copias e, nos galegos, a distribución será na nosa lingua, con Uxía e Xoán Curiel interpretando as cancións e un prestixioso grupo de actores e actrices na dobraxe. María Castro, Javier Rey, María Pujalte, Antonio Mourelos, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Carlos Blanco, Tacho González, Luís Iglesia e Monti Castiñeiras -responsábel da dirección de dobraxe- compoñen o elenco de voces do filme. 

maimino2

Amor, xustiza e amizade

Amor, amizade e xustiza social son algúns dos valores que a película transmite a través da historia do pequeno que bota a andar co fin de sacar a súa familia da pobreza. “A película foi en Cuba un éxito histórico e fainos moita ilusión que se estree aquí. Será a única longa de animación do audiovisual galego deste ano e confiamos en que vaia ben. Queremos chegar ao público infantil en galego e cun produto honesto e de calidade como é esta película”, sinala Julio Casal, director de Ficción Produción. 

Karaoke-concurso 

A través da rede social facebook e a páxina cantaconmaimino.com a película chega antecedida por un concurso de interpretación dos principais temas da película que se está a mover nos centros escolares. Nenos e nenas poden publicar os seus vídeos e será un xurado especializado o que decida quen gañará a viaxe a Cuba para tres persoas, con visita incluída aos Estudios de Animación do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos onde se realizou parte do filme. 

“Os dous pobos está irmanados historicamente a a nós apetecíanos compartir este proxecto de animación que nace despois do convite que se nos fixo nunha visita ao Festival Internacional de Cinema da Habana”, comenta Julio Casal que viviu o entusiasmo da estrea na Habana e agarda agora que esas mesmas palmas se repitan na estrea comercial a esta beira do Atlántico. 

 

Comentarios