Libro disco para crianzas

Magín Blanco entrega o terceiro episodio de 'A nena e o grilo'

Magín Blanco (A Rúa, 1960) hai tempo que se reiventou como músico para crianzas. A súa serie A nena e o grilo é unha das de maior éxito no xénero. Entrega agora o seu terceiro episodio, A nena e o grilo máis aló (Galaxia, 2019), “historia de maxia e fantasía” en que as protagonistas “se fan preguntas sobre as cousas máis insólitas da vida”.
 

magín blanco
photo_camera O músico Magín Blanco. Foto: cedida.

a nena e o grilo máis aló (cuberta)

Blanco e o editor Francisco Castro presentarán o traballo en Compostela ás seis e media do 16 de abril na Casa do Libro. O disco que acompaña o libro, ilustrado por Luz Beloso e cun texto teatral a cargo de Pepablo Patinho, contén oito cancións en que o autor amosa o seu talento melódico e pop e uns arranxos de certo eco oitenteiro.

“Unha creación divertida e evocadora froito da unión das composicións musicais de Magín Blanco e do texto de Patinho”, di a editorial. A nena e o grilo interróganse sobre a morte, sobre o medo, sobre a lúa, sobre os esqueletes, e Magín Blanco convérteos en temas de retrouso amábel inzados de coros e teclados sintéticos.

Galaxia salienta que A nena e o grilo máis aló foi incluído na listaxe de mellores libros do ano pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI). Antes, Blanco publicara A nena e o grilo (OQO, 2009) e A nena e o grilo nun barquiño (Fol Música, 2014). Desde Clic, exercicio de pop preciosista canda o grupo ourensán Burgas Beat, non saca música non dirixida á infancia.

Comentarios