Magín Blanco canta “O abecedario” da Mesa

A de axóuxere, B de bolboreta, C de can, D de doniña...  de aí até o Z de zamburiña. O abecedario, é o primeiro libro publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística para achegar á nosa lingua ás crianzas das primeiras idades. Magín Blanco é o autor da canción para que as primeiras palabras sexan as nosas.  

magin

Con ilustracións de Óscar Villán, as páxinas percorren o abecedario do A ao Z en 23 páxinas compostas pola letra, unha palabra e o debuxo que a identifica. Trátase de O abecedario, o libro que inaugura unha colección da Mesa pola Normalización Lingüística ao que seguirán un dedicado ás aves e os seus nomes na nosa lingua ilustrado por Calros Silvar. Números, cores ou tempo son campos que visitarán no futuro os libros da MNL. Con este primeiro libro publícase tamén na canle de youtube a canción con letra e música de Magín Blanco. 

“A idea foi que nenas e nenas se afagan ao noso vocabulario e enriquezan as palabras que saben en galego. Detectamos que, mesmo falando galego, o léxico en castelán cóase con facilidade. Botabamos de menos materiais como este e decidimos iniciar a publicación para achegar ás crianzas  unha maneira acaída de contacto coa nosa lingua”, explica a vicepresidenta da Mesa, Mónica Pazos, responsábel da colección. 

Sopa de letras

A idea é que, neste primeiro libro, non só aprendan palabras en galego senón tamén o abecedario na nosa lingua. “A maioría aprenden de memoria o abecedario en español e estráñanse cando, en secundaria, se dan conta de que non son iguais. No libro tentamos buscar palabras que, na súa tradución ao español comecen por outra letra, para que non sexan quen de facer a mudanza automaticamente”, explica. É dicir, o C de can ten unha ilustración do animal doméstico que, de querer chamalo en español, non cadraría xa coa letra da páxina. O mesmo acontece con bolboreta, xeado, raposa ou luvas. 

“O A Abre un Agasallo, o B é Bolboretiña, o C Colle unha Cenoria, o D Dálle a unha Doniña, o E  Esperta os Esquíos,  o F vai nunha Folla,  o G  Garda nas Galiñas  e o H xa está na Horta...”, comeza a canción que se pode escoitar na canle de youtube da Mesa, un tema con letra e música de Magín Blanco para cantar tamén o abecedario coas letras e as palabras de noso. A Mesa edita tamén láminas coas letras e as palabras acaídas de maneira especial para as aulas de ensino infantil ou mesmo para os cuartos das crianzas. 

Comentarios