RODRIGO LEÃO, MÚSICO E COMPOSITOR

"Madredeus e Sétima Legião aínda están moi presentes nas cousas que eu fago"

O músico e compositor portugués Rodrigo Leão é unha das estrelas que poderemos disfrutar no Festival Noroeste que comeza a terza feira na Coruña. O ex compoñente de Madredeus, unha institución no país luso, ofrecerá un concerto o vindeiro 9 de agosto no Teatro Colón, onde xa estivo hai anos.

leao1
photo_camera Rodrigo Leão

- Vostede ofrece un concerto a semana vindeira na Coruña, no Festival Noroeste, acompañado ás voces por Ana Vieira, onde vai interpretar cancións de toda a súa carreira musical, non é?


- Si, é verdade, participa Ana Vieira, unha cantora con quen traballamos durante moito tempo e cunha versión un pouco mellor do habitual. Temos batería, temos baixo, temos cordas, a voz de Ana Vieira e os meus sintetizadores. Imos esencialmente tocar algunhas cancións que foron feitas para a voz de Ana, como "Vida tão estranha" ou "Voltar" en portugués, pero tamén outras en francés e tamén unha en español. 

- Os seus dous últimos discos foron 'Life is long' (2016) co australiano Scott Matthew e 'O retiro' (2017), coa Orquestra Gulbenkian. Non vai tocar ningunha destes discos recentes?


- Si, hai un ou dous temas instrumentais neste último traballo con Matthew, e tamén tocaremos algún que gravamos coa Gulbenkian, e mais algunha outra do traballo 'A vida secreta das máquinas', que é un disco máis electrónico. Haberá unha parte con cancións cantadas por Vieira, mais tamén haberá temas instrumentais, onde penso que a miña música ten moitas influencis diferentes, desde a música clásica até o pop, pasando polas música brasileiras. Polo tanto tocaremos tamén temas como "A Estrada", "A comedia de Deus" e outros antigos. Até algún tema de Madredeus. 

Eu non sinto ningunha presión para publicar algo se non sinto que teño algo que debo publicar

- É vostede un autor ben prolífico. Nos últimos cinco anos publicou sete discos, aínda que dous deles foron bandas sonoras. Cal é o segredo de tanta produción?


- Eu penso a miña maneira de traballar é moi intuitiva. É por casualidade, porque tiven dúas encomendas de bandas sonoras para filmes, mais a verdade é que eu non sinto ningunha presión para publicar algo se non sinto que teño algo que debo publicar. Nestes últimos anos foi así, mais tamén houbo outras épocas nas que botei tres anos sen publicar ningún traballo. 

- Ademais de Scott Matthew ten colaborado con moitos outros músicos, como Beth Gibbons de Portishead, Sakamoto ou a propia Orquestra Gulbenkian, entre outros moitos. Que é o próximo que podemos agardar co seu selo?


- Son importantes todas estas colaboracións para min porque acho que acrecentan moito o traballo que eu tento facer. Sobre o meu próximo disco... aínda é moi cedo para falar del, e aínda estou a reunir ideas e estou a compor nos últimos seis meses. Xa teño unhas vinte ideas para músicas, e a miña intención é gravar no próximo ano, en marzo, abril ou maio. Por tanto aínda teño tempo até alá e aínda non sei que colaboracións vou ou non ter, mais estou entusiasmado co novo proxecto. 

O máis importante neste momento é cruzar influencias moi diferentes

- Gosta tamén de experimentar: desde a música minimalista ao pop, pasando pola electrónica. Que outros terreos lle gostaría explorar e aínda non o fixo?


- Eu acho que o máis importante neste momento, moitas veces, é cruzar influencias moi diferentes. Na música é sempre posíbel mesturar un tango cunha música máis pop ou máis clásica e eu penso que é neses cruzamentos onde o músico procura para ser un pouco diferente. 

- A melancolía e a saudade está moi presente na súa obra, tamén neste último disco. É unha cuestión persoal ou a saudade é un sentimento do que os portugueses non poden fuxir?


- É un pouco as dúas cousas. Eu acho que hai unha paixón que eu teño, a melancolía e a saudade, pero que tamén é á vez moi portuguesa e eu penso que existe tanto en Portugal coma na España. Nas paisaxes que nós temos, nas viaxes que facemos, na comida, na poesía... acho que todo iso fai parte dun universo en que eu como músico gosto de me inspirar. 

- Vostede formou parte de formacións históricas como Sétima Legiao ou Madredeus. Como ve na actualidade a música portuguesa, agora que parece que é o país de moda en Europa?


- Eu penso que hai moi boa música en Portugal. O que ten saído máis para fóra é o fado e os músicos con influencia do fado, mais hai músicos de música tradicional, máis popular, de música electrónica, que fan cousas moi interesantes. É evidente que Madredeus e Sétima Legiao foron dous proxectos moi importantes para min, e penso que hoxe aínda están moi presentes nas cousas que eu fago, mesmo hai temas que eu aínda gosto de tocar ao vivo. Mais eu penso que temos que ter máis oportunidades para levar a nosa música máis lonxe. 

Eu gosto dalgúns grupos de pop británico como Radiohead ou Divine Comedy, mais tamén de grupos como Danças Ocultas ou os Dead Combo, portugueses.

- Mais nos últimos anos houbo varios artistas portugueses que están a triunfar fóra. 


- É verdade que a música en Portugal creceu bastante nos últimos anos, mais o traballo que Madredeus fixo hai trinta anos foi fundamental, era o principio de todo, porque daquela Amalia Rodrigues era a única cantora que o público coñecía de Portugal. E despois de Madredeus apareceu unha nova vaga como Mariza, Ana Moura, e máis cantores principalmente ligados ao fado, que tiveron oportunidades de demostrar a súa calidade fóra. 

- Que é o máis gosta do que se está a facer a nivel mundial actualmente?


- Eu gosto particularmente de algúns grupos de música pop británica como Radiohead ou Divine Comedy, mais gosto tamén de grupos como Danças Ocultas, o grupo portugués de concertinas; ou os Dead Combo, tamén portugueses. Eu gosto da música de todos os xéneros. Eu vin ultimamente un grupo que se chama Cigarettes After Sex, americanos, que tocaron no Primavera Sound en Porto, onde nós tamén tocamos. 

Comentarios