Banda deseñada

'Madialeva', os relatos das mulleres rurais

Acaba de ver a luz Madialeva, unha banda deseñada de Ana Moreiras que pon o foco nas mulleres rurais como transmisoras da historia oral. Cun profundo pouso documental, a obra procede de relatos reais reelaborados pola debuxante, que reivindica o abandono do agro e o desleixo por parte das administracións. 
Detalle de 'Madialeva'
photo_camera Detalle de 'Madialeva'

Ana Moreiras está a apresentar a novela gráfica Madialeva, editada grazas a un micromecenado popular na rede. Trátase dun traballo coas tintas cargadas no íntimo, pois a autora pasou na infancia moito tempo en Miraz (Friol), onde ficou fascinada coas historias que contaban as persoas máis vellas. Así, rematou por sentir a necesidade de as plasmar nesta obra, un feito que se viu precipitado por unha endometriose que lle impediría ter fillas e continuar a cadea de transmisión.

"Case diría que 90% é documental", afirma Moreiras. A súa recreación xera unha obra cun forte arrecendo a autenticidade na que as mulleres labregas son as protagonistas do relato oral. Fortes e combativas, a ilustradora e mestra chama a atención sobre a importancia destas historias pequenas que "madialeva que tiñan que ser contadas", especialmente nun momento no que o rural esmorece coa conivencia das administracións.

O vindeiro sábado 4 de decembro Moreiras apresentará Madialeva na escola de Miraz, nun acto ao que asistirán as tres mulleres que inspiraron os relatos. "Aínda non o leron, pero estano desexando", asegura ao tempo que confesa a súa preocupación por "non defraudalas".

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios