Anuncian novo disco para 2020

O metal galego recupera Machina, unha das súas bandas máis emblemáticas

Após unha pausa de tres anos, a banda de Cerceda retornará aos escenarios no Resurrection e estreará novo disco en 2020.
Machina nun ensaio
photo_camera Machina nun ensaio

Após unha prolongada pausa quer no directo, quer na discografía, Machina vén de anunciar o seu retorno para 2020. O vindeiro ano, a banda de Cerceda publicará un novo EP con material inédito. Ademais, aparece como unha das confirmacións no cartaz da vindeira edición do Resurrection Fest.

Antes da chegada do material de estudo, a banda fará un adianto cunha serie de vídeos que se presentan como «Machina Desenchufados e Amighos», un proxecto en acústico no que os integrantes se arrodean doutros artistas referentes da música galega para revisar pezas da súa discografía en formato achegado e sen conectar os instrumentos eléctricos. A primeira destas colaboracións chega da man do Leo i Arremecághona con Desescribir.

 

Os vídeos son o resultado da gravación en directo, o pasado mes de setembro, nos xardíns de Cimática Estudio (Cerceda) baixo a produción musical de Mahi Ferradás e a realización audiovisual de Vanessa Moure. Como adiantan desde o grupo, as próximas entregas virán da man de ITH, Zënzar, Super 8 ou Ruxe Ruxe.

Deste xeito, Machina pón fin á interrupción de 3 anos na súa actividade artística, con aparicións moi esporádicas nalgúns festivais como o Candeloria, motiva por circunstancias persoais dos seus compoñentes.

A carreira de Machina comezaba en 2007 co EP Acouga, seguido dos discos Post-bravú (2009) e Ensaio sobre o silencio (2012). Outro EP, A síndrome de Nerón (2013), marcaba un punto e á parte na historia da banda, co anuncio do seu parón, que faría coxear o metal galego. Agora volven, prometendo máis enerxía metaleira e riffs de hardcore reimbuídos de compromiso coa lingua e coa múscia do país.

Comentarios