Maceda dálle o nome de Francisco Carballo a unha praza coa oposición do PP

O PP votou en contra de que unha praza do concello de Maceda levara o nome de Francisco Carballo. A iniciativa prosperou cos votos do grupo de goberno e da concelleira do PSOE. 

Pouco máis de dous meses despois de que os restos de Francisco Carballo regresaran a súa Maceda natal, como foi o seu desexo, o PP votaba en contra de que o concello lle dese o seu nome a unha praza. A proposta do grupo de goberno, o pasado pleno debateuse unha iniciativa que quería recoñecer a figura do que fora o seu veciño poñéndolle o seu nome á praza que está diante da biblioteca do concello, bautizada xa como Francisco Carballo no ano 2000. 

“Polo que representa Francisco Carballo para o concello de Maceda e para toda Galiza consideramos que un espazo público tiña que levar o seu nome. Carballo mantivo unha vinculación durante toda a súa vida con Maceda e mesmo el quixo que as súas cinzas regresaran aquí”, explica o alcalde de Maceda, Xavier Oviedo que se trasladou a Salamanca nada máis coñecer o pasamento do  historiador e teólogo a fins do mes de novembro para a tramitación do seu desexo de ser enterrado no seu concello natal. 

Xavier Oviedo mostra a súa sorpresa pola posición do PP no pasado pleno no que, segundo relata, “defenderon o voto en contra porque, dicían, xa tiña o nome da biblioteca pública. Cando se presenta unha iniciativa como esta que ten como fin honrar un veciño que foi unha figura relevante na historia de Galiza , se non lle gustaba podían terse abstido mais decidiron mostrar a súa oposición”. Malia a actitude do PP, a iniciativa saíu aprobada cos votos do grupo de goberno máis o da concelleira do PSOE e a praza leva así o nome de Francisco Carballo. De cara á primavera teñen previsto organizar un acto para oficializar o nome da praza Francisco Carballo. 

Comentarios