domingo 29.03.2020

Maceda acolle o vindeiro 27 de decembro unha homenaxe nacional a Francisco Carballo

O vindeiro 27 de decembro, ás 17 horas, tributaráselle unha homenaxe nacional ao historiador e militante nacionalista Francisco Carballo no Concello de Maceda. 

Francisco Carballo
Francisco Carballo

O militante nacionalista, crego, historiador e activista Francisco Carballo falecía o pasado 29 de novembro en Salamanca. O vindeiro 27 de decembro recibirá no seu Concello de Maceda natal a primeira homenaxe nacional, despois da íntima despedida do pasado día 13 cando foi soterrado, como era o seu desexo, no cemiterio de Asadur, a parroquia na que nacera. 

Programa e adhesións

A homenaxe do 27 terá lugar no Salón Multiusos ás 17 horas e está organizada polo Concello de Maceda. Ademais do alcalde Xabier Oviedo intervirán o portavoz nacional do BNG -organización na que militou desde a súa fundación- Xavier Vence, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presbítero Manuel Peleteiro, o ex-alcalde de Maceda Bieito Seara, a súa sobriña Milagros Calvo máis o editor e xornalista Xan Carballa e o investigador Santiago Prol, autores do libro de conversas con Francisco Carballo publicado por A Nosa Terra, xornal e editorial ao que estivo intensamente vinculado. Na homenaxe ademais de diversas actuacións musicais proxectarase o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón”,  no que se recollen imaxes e intervencións. Á homenaxe pódense adherir entidades, organizacións e persoas que deberán comunicalo ao Concello de Maceda para seren reseñadas no acto. 

Durante a súa longa traxectoria de compromiso nacionalista e activismo en plataformas políticas, culturais e sociais, e pola súa rigorosa e intensa faceta de investigador, Carballo convertérase nunha das persoas máis respectadas e apreciadas do nacionalismo organizado.

comentarios