Mabel Rivera protagoniza a xornada anual da Comisión de Igualdade

Cada ano a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organiza por volta do outono unha xornada dedicada a unha muller de relevancia nun determinado ámbito profesional. A actriz Mabel Rivera protagoniza este ano a convocatoria. 

Mabel Ribera
photo_camera Mabel Ribera

A profesora e crítica Dolores Vilavedra máis a escritora e crítica Inma López Silva coordinan a xornada que este ano lle dedicará a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega á actriz Mabel Rivera. Prevista para o día 24 de outubro, a actividade anual da Comisión de Igualdade revisará a traxectoria profesional da actriz, un dos nomes máis relevantes do teatro e o audiovisual galego. 

Co título “Escénicas. Mabel Rivera” percorreranse os máis de trinta anos de profesión alén de se achegar ás tres décadas de artes escénicas e audiovisuais na Galiza. Segundo as organizadoras, a figura de Mabel Rivera “permite dar conta do protagonismo que, en todo ese proceso, tivo un grupo de mulleres valentes dispostas a rachar coas expectativas que a sociedade galega tradicional depositaba sobre elas e dispostas, sobre todo, a seren protagonistas dos procesos artísticos dunha Galicia nova”.  A xornada quere ser tamén homenaxe ao sector das artes escénicas que “hoxe máis ca nunca, require atencións e análises que demostren non só a súa vitalidade, senón a súa capacidade para renovarse e renovarnos, en boa medida grazas á prevalencia desa actitude ousada das herdeiras de Mabel Rivera”. 

O pasado ano foi a xornalista Tereixa Navaza a protagonista da xornada anual que visitou en edicións anteriores a Xohana Torres, Olga Gallego ou a científica María Wonenburger. 

Comentarios