venres 29.05.2020

Mabel Rivera sinala o labor do festival Vía XIV de Verín como dinamizador cultural da contorna

A actriz Mabel Rivera vén de ser homenaxeada na última edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín.
Homenaxe a Mabel Rivera no FIC Vía XIV
Homenaxe a Mabel Rivera no FIC Vía XIV

O acto de homenaxe á actriz Mabel Rivera tivo lugar na tarde do 6 de decembro no Auditorio de Verín, como parte do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV.

Os asistentes puideron ver unha selección de curtametraxes da súa filmografía, entre as que se atopaban Ato San Nen, de Pedro Collantes; Muero por volver, de Javier Marco; Dantzariak (Bailaríns), de Axier Salazar e Anacos, de Xacio Baño.

Rivera manifestou o seu agradecemento pola homenaxe, expresando ao mesmo tempo o seu apoio ao festival “como proposta e espazo cultural que intenta achegar as novidades e tendencias cinematográficas a unha parte da poboación que, polo seu emprazamento periférico, ten menos opcións de ocio e tempo libre que os habitantes das urbes”.

O festival clausúrase cunha gala no Auditorio este sábado 7 de decembro, na que se darán a coñecer as pezas gañadoras das diferentes seccións competitivas.

Unha personaxe querida

Coñecida polos seus múltiples papeis en cinema e televisión, Rivera recibe o recoñecemento outorgado o ano pasado a Antonio Durán 'Morris'. En Galiza, o público lembra con especial agarimo a quen puxo rostro a Balbina en Pratos Combinados, unha das comedias de maior éxito da TVG.

A ferrolá recibiu en 2005 o premio Goya á mellor interpretación de reparto por Mar Adentro. Entre os seus traballos máis recentes destaca a súa interpretación da sogra da protagonista en María Solinha, o filme de Ignacio Vilar que verá a luz en 2020.

Mabel Rivera sinala o labor do festival Vía XIV de Verín como dinamizador cultural da...
comentarios