María Victoria Moreno, protagonista do Día das Galegas nas Letras

Non foi alcaldesa franquista en Pontevedra e achegouse ao galego con afecto. Despois de sementar pola rede dúas pistas, a plataforma A Sega desvela o nome da muller á que se lle dedicará o II Día das Galegas nas Letras: a escritora María Victoria Moreno. 

moreno

Por segundo ano consecutivo, a plataforma A Sega celebrará a súa conmemoración anual da lingua e literatura, o Día das Galegas nas Letras, que se desenvolverá o vindeiro 15 de agosto. Despois de dar un par de pistas, e a poucos días de que teña lugar a xornada festiva que a Academia Galega decidiu dedicar a Filgueira Valverde, a Sega desvela o nome da muller que protagonizará a súa segunda festa das letras, a escritora nada en Extremadura que viviu boa parte da súa en Pontevedra e acolleu o galego coma lingua literaria, María Victoria Moreno. 

Unha década da súa morte

Neste ano cúmprese unha década da morte de Mª Victoria Moreno, o que permitiría que o seu nome fora xa barallado pola Academia Galega para vindeiros Días das Letras Galegas. A Plataforma de crítica feminista A Sega non vai agardar a que isto aconteza e, como no ano anterior, decide dedicarlle xa a súa conmemoración anual que naceu para conmemorar ás mulleres, con tan escasa presenza na historia do Día das Letras Galegas. 

Natural de Cáceres, María Victoria Moreno chegou a Pontevedra en 1963, cidade onde residiría e impartiría aulas a maior parte da súa vida, nos institutos Valle Inclán e Torrente Ballester e cidade tamén na que acollería o galego como a súa lingua de comunicación e escrita literaria. 

“Escribo sempre como un impulso, sen planificación, Mar adiante o meu primeiro libro galego saíu porque o soñei. E a partir daquela o meu compromiso co galego xa foi para sempre. Ningunha lingua me necesita a min. Fun necesaria para sacar adiante a miña familia cando tivo problemas, pero ningunha literatura necesita a María Victoria Moreno. Escribo en galego porque amo a Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos pobres”... explicoulle a escritora ao xornalista Xan Carballa nunha entrevista publicada a inicios do 2005, o ano da súa morte no semanario A Nosa Terra. 

Leonardo e os fontaneiros (1986), o célebre Anagnórise (1989) ou Guedellas de seda e liño (1999) son algunhas obras da súa conta de libros que remataría co volume memorialístico  O Diario de luz e sombra (2004) no que relata a súa relación co cancro, cando leva xa cinco anos na loita contra o que ela chamaba “a pupa”.  Eu conto, ti contas, de 2005 e Elexías de luz,  xa póstumo, porán o punto final á súa traxectoria de escritora, centrada de xeito especial na literatura para as crianzas. 

“María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas”, din desde A Sega, na información na que dan a coñecer o nome que relevará a Dorothé Shubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego, protagonista do primeiro Día das Galegas nas Letras que se conmemorou cunha romaría o 15 de Agosto no Areal de Berres na Estrada. 

Comentarios