Distinción outorgada pola AELG

Luz Fandiño e Pazos de Merexo, Mestres da Memoria

A poeta Luz Fandiño (Compostela, 1931) e Manuel Pazos (Muxía, 1926), máis coñecido como Pazos de Merexo, son os Mestres da Memoria 2018. A distinción, outorgada pola sección de literatura de tradición oral da AELG, recoñece o labor de “informantes de literatura popular”.
 

gala mestres da memoria AELG 2
photo_camera De esquerda a dereita, Lois Pérez, Luz Fandiño, Cesáreo Sánchez Iglesias, Pazos de Merexo e Antonio Reigosa. Foto: AELG.

“Toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional”, sinalan desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) como méritos precisos para se facer co galardón. Que xuntan, máis ca sobradamente, Fandiño e Pazos.

Foi este sábado, 26 de maio, no vello cárcere de Lugo, cando a AELG lles rendeu homenaxe. Nun acto conducido por Antonio Reigosa e no que participaron tamén Cesáreo Sánchez Iglesias -presidente da AELG- e a escritora Marica Campo, o poeta Lois Pérez encargouse da laudatio a Luz Fandiño. Reigosa fixo o propio con Pazos de Merexo.

“O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade”, afirman desde a sección de literatura oral da AELG, “para transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás”.

O Concello e mais a Deputación de Lugo apoian a iniciativa coa que a AELG “pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral”. A Gala dos Premios Mestres da Memoria transcorreu baixo o lema Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral.

Comentarios