‘A luz da ciencia’ inicia 2022 relacionando pensamento científico e xénero

IV edición das xornadas científicas da Deputación da Coruña.
Un obradoiro de Isa Loureiro en Granollers en outubro de 2020 (Isa Loureiro).
photo_camera Un obradoiro de Isa Loureiro en Granollers en outubro de 2020 (Foto: Isa Loureiro).

As xornadas científicas 'A luz da ciencia' chegan á IV edición cun programa dedicado, desta vez, ao pensamento científico e ao xénero. A proposta, da man da Deputación da Coruña, reunirá entre o 13 e o 15 de xaneiro no Pazo de Mariñán e no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña, unha serie de encontros científicos sobre perspectiva de xénero e ciencia nas aulas, realidade laboral e teito de cristal, e o enfoque na comunicación científica.

A asistencia ás xornadas é de balde, mais será preciso realizar inscrición previa a través dun formulario.

Tres xornadas e un obradoiro de ilustración

As tres sesións correrán a cargo de relatoras que coñecen de primeira man a realidade da práctica científica.

Así, a primeira xornada, dedicada a 'Didáctica das ciencias experimentais' contará coa participación de Mireia Colom e Susaina Figuera da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; a sesión sobre 'Ciencia investigación e xénero' correrá a cargo de relatoras da Rede galega de investigadoras: María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río; mentres que a sesión sobre 'Divulgación, comunicación científica e xénero' reunirá esta xornada a Maite Vence, Paula Otero Sánchez e Isa Loureiro que abordarán tres proxectos de divulgación desde diferentes perspectivas e con públicos obxectivo específicos. 

Ademais, o sábado 15, ás 16.30h no Muncyt, a ilustradora portuguesa Isa Loureiro impartirá un obradoiro de ilustración que tomará como fío condutor a coñecida ruta das camelias que se localiza no propio Pazo de Mariñán. 

Fenda educativa nas ciencias

En relación á fenda educativa nos estudos de ciencias, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas pon o foco en que, segundo datos globais da ONU, menos do 30% de investigadores e científicos de todo o mundo son mulleres, e tan só 1 de cada 3 estudantes de carreiras universitarias do ámbito CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) é unha muller. 

"Cando puxemos en marcha este programa de xornadas propuxémonos achegar a ciencia á sociedade dun xeito accesible e tratando temas de interese para o conxunto da cidadanía e, neste sentido, abordar a situación de desigualdade de xénero que se observa nas disciplinas do chamado ámbito CITM é de xustiza e necesario" asegura Xosé Lois Penas.

Comentarios